Todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 8º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fins de semana seguidas en Expourense. Dende o 18 ó 20 de novembro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 25 ó 27 de novembro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. Todas as marcas aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2017. En total, estarán presentes 17 empresas que repsentan a 26 marcas que supoñen o 100% das marcas vendidas en Ourense e o 98% das vendidas en España.
Estas citas foron presentadas en Expourense nun acto no que participaron o presidente do comité executivo de Expourense, Juan Carlos Parada; o presidente de A.C.AU.T.O., Ramón Seijas; o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín; e os representantes de Cáritas Ourense, Javier Soto, e de Stop Accidentes, Daniel Posada.
Como incentivo para animar a os visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun autómobil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido.
Estas citas contan co patrocinio de ABANCA e a colaboración do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Ourense que facilitará o reparto de invitacións para visitar o salón entre aqueles corredores, maiores de idade, que participen Carreira Popular de San Martiño que se celebrará este domingo día 20 de novembro. A entrega farase no momento da recollida do dorsal.
Outra das novidades deste ano será a colaboración de Expourense e A.C.AU.T.O. con Cáritas Ourense, presentes no salón cun stand informativo. Por cada vehículo vendido, o concesario correspondente faralle unha doazón a esta entidade. Ademais, se o gañador do bono desconto de 6.000 euros tivera mercado un vehículo por un importe inferior, esa diferencia tamén se destinaría a Cáritas.
Ademais os organizadores colaborarán con “Stop Accidentes” que contarán cun stand informativo nestas citas e no que entregarán a aqueles interesados un adhesivo que ofrece (segundo a marca e o modelo do coche) unha “Folla de Ruta” que inclúe un plano do vehículo que facilitará o traballo dos bombeiros no caso de que fose preciso realizar unha excarcelación.
O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo. Por primeira vez contarase ademais cun servizo de ludoteca.