‘Show de los Muñecos’, ‘A cantar con María Fumaça’, e a Cabalgata e Gala de Reis son algunhas das actividades que a localidade acollerá ata o 5 de xaneiro.
O Concello de Verín e a Asociación de Empresarios de Verín-Centro Comercial Urbano Verín (AEVER-CCU Verín) promoven, nesta última fin de semana de Nadal diversas actividades lúdicas e musicais.
A primeira delas é o ‘Show de los Muñecos’, que terá lugar o sábado 3 de xaneiro desde as 18 horas no Pavillón Municipal de Deportes. Trátase dun musical infantil no que personaxes coma Pinocho, Hello Kitty ou Winnie the Pooh interpretarán cancións de hoxe e de sempre.
Xa o domingo 4, dende as 10 da mañá, terán lugar os cantos de aguinaldo, na Residencia de Anciáns Santa María a cargo da Coral do Centro Sociocomunitario de Verín.
Xa pola tarde, a Casa da Cultura acollerá dende as 18 horas o espectáculo ‘A cantar con María Fumaça’, de Uxía Senlle e os músicos Santiago Cribeiro e Héctor Lorenzo. Un proxecto musical que pretende transmitir unha visión optimista sobre a discapacidade na infancia. A través dos bailes e as cancións queren contaxiar a alegría de vivir e conseguir que os máis pequenos da casa asuman comportamentos de tolerancia e igualdade cara aos demais.
Cabalgata e Gala de Reis
Xa o día 5 de xaneiro chegará a cita cos Magos de Oriente. Así, as rúas de Verín acollerán a tradicional Cabalgata dos Reis Magos, a partir das 18 horas. Melchor, Gaspar e Baltasar saíran desde a Casa do Escudo e tras percorrer a avenida Luis Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, concluirán a súa viaxe no Pavillón Municipal de Deportes onde terá lugar unha gala, na que participarán o alcalde infantil e os seus concelleiros. Durante a cabalgata os Reis Magos irán acompañados non só dos paxes senón tamén de menores disfrazados de anxos, estrelas e pastores. Con anterioridade, ás 16.15 horas, acudirán a Residencia de Anciáns Santa María para entregarlle presentes ás persoas maiores residentes.