O concello non celebra plenos ordinarios dende o 26 de abril do 2013.
O grupo municipal do BNG no Concello de Lobeira vén de denunciar publicamente a falta de convocotaria de plenos e da comisión especial de contas neste municipio.
Segundo fora acordado en 2011, Lobeira debía convocar un pleno ao mes, pero na localidade non se celebran plenos ordinarios
dende o 26 de abril do 2013; «dende esa data en adiante tan só celebramos 5 plenos que foron convocados con carácter de extraordinarios», indica Antón Álvarez, voceiro nacionalista.
A xuízo do BNG esta situación evidencia «un menosprezo continuo ao debate político e ao dereito básico como é o control das tarefas do goberno municipal» por parte do grupo de goberno do PP. Critican os nacionalistas que esta situación tamén impide que os grupos políticos da oposición poidan presentar mocións, rogos ou preguntas.
O BNG presentou en meses pasados por rexistro do Concello cinco mocións para debate nas sesións plenarias.