O pleno de xaneiro comezaba cun minuto de silencio polo atentado contra a revista Charlie Hebdo en París. Logo tomaba posesión do seu cargo o concelleiro do BNG Secundino Alonso, quen substitúe a Xosé Somoza, que presentou a súa dimisión ao ser imputado no caso das asistencias técnicas.
Tras aprobar o grupo de goberno en solitario a actualización do Inventario Municipal de Bens, chegaba o turno do debate de mocións.
A primeira delas, de Democracia Ourensana, solicitaba unha rebaixa do 20% no imposto de bens inmobles. Foi rexeitada polo resto de grupos que acusaron a Gonzalo Pérez Jácome de realizar unha proposta “electoralista” e “chea de vaguedades”.Tampouco prosperou a emenda do BNG para introducir bonificacións e recargos neste imposto.
De igual modo, PSOE, PP e BNG votaron en contra da proposta de Democracia Ourensana de eliminar o modelo de subvencións a clubes e substituílo por un sistema onde o Consello Municipal de Deportes se faga cargo directamente das escolas deportivas. A edil nacionalista, Ximena González, considerou a moción “un ataque aos clubes”, e sinalou que os custos “dispararíanse” se o Concello asumise todo o traballo que agora realizan as entidades deportivas. O concelleiro popular Bernardino González amosouse por primeira vez –dixo- “100% de acuerdo con Ximena”.
Democracia Ourensana si conseguiu o apoio do PP á súa terceira moción do día, na que solicitaban que o alcalde retirase as competencias delegadas en Áurea Soto por estar imputada na denuncia da praza de San Antonio. Tanto o concelleiro socialista José Ángel Vázquez Barquero como o propio alcalde fixeron unha encendida defensa do labor de Soto á fronte da área de Urbanismo, mentres que desde o BNG Susana García tildaba a proposta de “oportunista” e opinaba que “tería que ter dimitido hai moito tempo, ela e os demais imputados do goberno”.
En canto á moción do PP para consignar nos orzamentos unha partida suficiente para asumir o 35% da cofinanciación para a rehabilitación da Praza de Abastos que se propuxo ao Ministerio de Fomento, finalmente o que se aprobou –cos votos de PSOE e BNG- foi a emenda nacionalista para acadar un compromiso para rehabilitar todo o contorno do mercado. b