Un total de 24 centros educativos da provincia de Ourense recibirán as axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incentivar o funcionamento de Clubs de Lectura no seo da súa biblioteca escolar. 

En total o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad destinou 200.000 euros ao impulso destes grupos de dinamización da lectura, o que supón un incremento do 21,2% respecto do curso anterior, investimento do que se beneficiarán 228 clubs de centros e institutos de toda Galicia, 19 máis ca no 2013/2014.

Entre os criterios de valoración dos proxectos presentados a Consellería prestou especial atención a aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que procuren contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa nosa lingua e literatura propias. Así mesmo, no caso dos centros que repitan a experiencia, valorouse a cualificación acadada polo centro na memoria do ano anterior.

As contías que reciban os centros dedicaranse, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar. Os centros da provincia seleccionados son os institutos de Allariz, Aquis Querquenis de Bande, Lauro Olmo do Barco, Manuel Chamoso Lamas do Carballiño, Celso Emilio Ferreiro de Celanova, San Mamede de Maceda, Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives, Castro de Baronceli de Verín, Carlos Casares de Viana do Bolo, Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, e 12 de Outubro, As Lagoas, Eduardo Blanco Amor, O Couto, Julio Prieto Nespereira e Universidade Laboral de Ourense. Tamén os colexios Virxe dos Remedios de Castro Caldelas, Tomás de Lemos de Ribadavia e Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, os CIFP A Farixa e Portovello de Ourense, a Escola Oficial de Idiomas da capital ourensá e a EPAPU de Pereiro de Aguiar.