A organización estudiantil admite que a nota enviada aos medios de comunicación “non foi contrastada coa documentación oportuna”.
A responsable de Comités Ourense, Zaira Caamaño, vén de solicitar desculpas públicas á profesora de Traballo Social M.L.V. Os Comités descúlpanse por ter acusado a esta docente de apropiarse dun traballo de investigación realizado polo alumnado, nunha nota enviada a semana pasada aos medios de comunicación “que non foi contrastada coa documentación oportuna nin foi obxecto de estudo”. Por iso pídenlle desculpas “por todos os agravios que esta desafortunada acusación puidera causarlle e estendemos estas desculpas á titulación de Traballo Social e ao Campus de Ourense”
Tras reunirse este luns coa docente e recibir as explicacións oportunas, os Comités Ourense, en nome das cinco estudantes implicadas e asinantes da nota, solicitan a rectificación e admiten o seu erro, “ao non existir ningunha proba de que se producise tal apropiación”.