O primeiro pleno ordinario de Barbadás caracterizouse por unha aparente tranquilidade porque nos tres únicos puntos da orde do día houbo unanimidade.
Aprobouse o padrón municipal a 1 de xaneiro de 2014. Naquel momento Barbadás tiña contabilizados 10.371 habitantes. Esta é a cifra oficial, mentras que a día de hoxe a contía real é de 10.521, un dato que solicitou o PSdeG en comisión.
Os tres grupos da corporación, PP, PSdeG e BNG, apoiaron unanimemente as dúas mocións que presentaron os socialistas. Una delas ten o obxecto de esixir á Xunta que poña en marcha o transporte metropolitano en Ourense e comarca e a segunda pretende que se apliquen cláusulas sociais en todas as concesións e convenios que asine o Concello de Barbadás.
A insistencia dos socialistas conseguiu o compromiso do rexedor de que se antes das eleccións municipais non se pon en marcha o transporte metropolitano, o Concello de Barbadás aplicará a rebaixa do prezo do bus para Parada e Piñor.
No que se refire á moción para aplicar cláusulas sociais, o voceiro socialista Xosé Carlos Valcárcel modificou o segundo punto do acordo para lograr a unanimidade. Co cambio especifícase que se inicie unha investigación para verificar se a empresa adxudicataria do servizo de limpeza, Linorsa, cumpre as cláusulas do contrato.
A moción de urxencia que os socialistas presentaran sobre mellora da seguridade viaria en Finca Fierro non puido ser debatida ao non aceptar o grupo de goberno a súa urxencia, así que o PSOE presentouna ao final da sesión como rogo. Tamén o BNG transformou a súa moción de urxencia en rogo, solicitando ao Concello de Barbadás que recupere o cobro dos impostos, agora en mans da Deputación.