O Bloque propón unha maior participación dos veciños, para que poidan ter voz na Comisión de Suxestións e Reclamacións ou intervir no debate de mocións.
Na xuntanza deste martes para modificar o Regulamento Orgánico de Organización do Pleno e da Comisión de Suxestións e Reclamacións, o BNG fixo unha serie de propostas encamiñadas a dar maior participación aos veciños, «de xeito que as-os representantes veciñais de 2º nível -federacións ou agrupacións- poidan ter voz na citada comisión» así como regular a intervención da cidadanía durante o debate das mocións que lle afecten de forma directa.
O Bloque tamén plantexa como límite temporal para dar respostas ás preguntas realizadas en pleno «a seguinte Comisión de Pleno que se convoque e non na sesión do pleno como está acontecendo agora». O obxectivo, que os grupos poidan desenvolver o seu traballo «dun xeito máis rigoroso e áxil».
En canto ás intervencións dos grupos políticos no debate das mocións, o BNG quere que se reformulen as quendas de modo que peche as intervencións o grupo que presenta a proposta, sen que signifique máis tempo, pois se restarían algúns minutos das quendas anteriores.
A concelleira Susana García tamén solicita regular as declaracións institucionais que se queiran realizar, informando delas na Comisión de Pleno ou na Xunta de Voceiros. Así evitaríanse sorpresas «como o acontecido no último pleno cando se pediu gardar un minuto de silenzo polos atentados de París».
Hoxe estaba previsto que fora a última reunión para debater sobre a modificación do Regulamento, porén non se acordou debido á ausencia do concelleiro José Ángel Vázquez Barquero.