Anova-Ourense vén denunciando que a Xunta de Galicia reduciu gravemente a potenciación e dinamización de instalacións públicas xuvenís da provincia.
Cren que unha mala xestión os levou a esta situación. Critican que na orde de 9 de decembro de 2014 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís para a súa dinamización, en réxime de oferta concertada, fóra do período da campaña de verán, non hai nin unha soa en toda a provincia.
Dende Anova propoñen utilizar os recursos existentes na provincia para este tipo de propostas, como a instalación xuvenil de Penedos de Xacinto en Entrimo, que xa foi pechada en verán e substituída por instalacións de carácter privado.
Reiteran as reivindicacións a unha Xefatura Territorial da Xunta que «busca claramente que a mocidade non dispoña de recursos para así, non organizarse e non provocar “molestias” nunha época de crise e emigración forzosa constante».
Para finalizar solicita unha maior apertura das instalacións públicas como a Casa da Xuventude ou a Residencia Florentino Cuevillas da cidade de Ourense, potenciando a participación da mocidade.