O fiscal do TSXG ve indicios de prevaricación continuada na contratación de 37 persoas no Concello do Carballiño. O deputado socialista defende que todas as contratacións realizadas na súa época de alcalde do Carballilño realizáronse sempre «no marco da legalidade».
O fiscal do TSXG propón procesar a Pachi Vázquez por un posible delito de prevaricación continuada ao contratar 37 persoas entre 1995 e 2005, cando era rexedor do Carballiño. Ante este anuncio, o actual deputado socialista emitiu un comunicado no que indica que a contratación de persoal naquela etapa «realizouse sempre no marco da legalidade».
Tamén sinala que das declaracións realizadas polos técnicos do Carballiño ante o TSXG «infírese que en absoluto se produciu ninguna ilegalidade na contratación de persoal do concello durante o meu mandato como alcalde». «Todas as testemuñas realizadas corrobororaron que en ningún caso propuxen directa ou indirectamente a contratación de ningunha das persoas relacionadas na querela», engade o que fora líder dos socialistas galegos. «As demáis testificais practicadas tamén corroboraron a existencia de expedientes de contratación, incluso as que nalgún momento sembraron algunha dúbida, pero que finalmente admiten a súa existencia», continúa o escrito de Vázquez, que remitiu ao TSXG documentos que ao seu xuízo demostran as convocatorias públicas de emprego levadas a cabo entre os anos 2001 e 2005, así como os informes «de que non consta reparo de legalidade algún»,correspondentes aos anos 2003, 2004 e 2005.
Por estes motivos, Pachi Vázquez solicita o arquivo do procedemento que se segue contra el, ao entender que non hai indicios de criminalidade.
Con respecto ao escrito Fiscalía, Vázquez destaca o feito de que apunte que «non formulará petición de responsabilidade civil e só podería interesar a nulidade das resolución e decretos asinados polo Sr. Vázquez, sen máis consecuencias ulteriores”, dado que os contratos aos que se refire este procedemento xudicial xa non están vixentes.
O político socialista reitera a súa confianza na xustiza, «que estou seguro tomará en consideración a miña petición de archivar a causa».