O grupo nacionalista na Deputación preguntou polo custo do proxecto, unha iniciativa organizada polo Inorde que ascendeu a 38.000 euros.
Logo de ter coñecemento de que 2.000 persoas participaron entre os meses de novembro e decembro pasados no proxecto «Coñece Ourense», o BNG preguntou por escrito do custo do proxecto e a quen se adxudicou o servizo de transporte. Segundo consta na contestación da Presidencia, a viaxe custou 38.435 euros, e foi realizada pola empresa Autos González.
«Non coñeciamos os pormenores do proxecto, pois segundo se anunciou por parte da presidencia, o programa, que tivo unha duración de 45 días entre o 1 de novembro e o 15 de decembro do 2014 consistiu en percorridos turísticos en autobús de 50 prazas, sen custo para os concellos nin para os participantes, co obxectivo de realizar visitas guiadas ao longo dunha xornada a un xeodestino distinto ao que pertence o seu concello», explican os nacionalistas nun comunicado.
«En ningún momento se especificaba que os destinos tamén incluían unha degustación de productos autóctonos», recalcan desde o Bloque, apuntando que «resulta inxustificable que cando a maioría da sociedade ourensá, golpeada brutamelmente pola crise, está vendo como pode subsistir, se realice un gasto tan importante como este, cunha finalidade únicamente electoralista e clientelar».