Esta semana desconvocáronse as dúas xuntas de área económica (Facenda e Promoción Económica), así como a de Cultura.
«O Goberno municipal de Ourense, máis en minoría absoluta ca nunca, mantén unha parálise cronificada e irreversible como resultado da nula xestión do seu mermado e desnortado equipo de goberno». Así o considera o portavoz do Grupo Municipal do PP, Rosendo Fernández, quen alerta de que o único mecanismo polo cal os concelleiros da oposición poden expoñer preguntas e cuestións aos edís do goberno, as chamadas «xuntas de área», están suspendidas de facto.
Esta semana non se celebrou ningunha, e as dúas da área económica (Facenda e Promoción Económica) previstas para este mércores, foron suspendidas sen máis explicacións. A de Benestar Social, prevista para os luns, segue convocándose arbitrariamente cando así o ten a ben a concelleira responsable, mentres que a de Cultura, que si se celebra todos os martes, foi suspendida por mor do pleno extraordinario de onte, cando se puido celebrar con anterioridade ou posterioridade á celebración da devandita sesión plenaria, recalcan os populares.
Ademais, as de Urbanismo e Servizos Xerais, antes presididas por Áurea Soto, carecen de data para poder ser retomadas, pese a que son moitos os asuntos que quedaron sobre a mesa. Sen ir máis lonxe, o portavoz municipal dos populares, Rosendo Fernández, recalca que tanto en Urbanismo como na de Facenda reclamou información actualizada sobre o expediente das beirarrúas da rúa Clara Corral Aller, onde ten a vivenda o alcalde, para verificar se existen novos requerimentos do Ministerio de Hacienda sobre a devolución dos cartos pendientes.
«Ao desconvocar as xuntas de área nas que solicitamos información, nos están negando o noso dereito como concelleiros e anosa labor para fiscalizar as accións do desgoberno municipal, que son múltiples e variopintas. E non só nos están ocultando información a nós, estanlla negando aos cidadáns aos que estamos representando no Concello», conclúe Rosendo Fernández, quen lembra tamén que a parálise total e absoluta tamén se evidencia no feito de que, a día de hoxe, o alcalde non atendese a petición dos populares -formulada hai nove días- da convocatoria dunha xunta de portavoces para abordar a nova reorganización do goberno municipal.