Marisol Díaz Mouteira

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asistiu á toma de posesión da nova secretaria territorial, Marisol Díaz Mouteira.

 

Ata a actualidade, Día Mouteira desempeñaba o cargo de xefa territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Díaz Mouteira substitúe a Luis Menor, que en novembro do pasado ano foi nomeado director xeral de Emerxencias e Interior.

A nova secretaria territorial da Delegación da Xunta en Ourense é licenciada en Dereito, especialista en Mediación Familiar. Accedeu á Administración galega hai 19 anos e exerceu cargos de responsabilidade en distintos departamentos autonómicos. Así, no período 2003-2005 foi delegada provincial da daquela denominada Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e desde o 2009 ata febreiro de 2012 estivo a fronte da Xefatura Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Rogelio Martínez destacou a longa e dilatada traxectoria na Administración pública de Marisol Díaz e solicitoulle que manteña “a dedicación e compromiso” que ata agora sempre demostrou no exercicio das súas distintas responsabilidades.