O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou a colaboración técnico-financeira da Xunta co Concello de Verín para a execución da obra “actuacións na rede de saneamento de Verín e Polígono de Pazos”. Augas de Galicia asumirá o 100% do orzamento previsto para esta actuación, que ascende a 838.796 euros.
A aprobación por parte do Consello da Xunta deste acordo de colaboración constitúe o paso previo á licitación do contrato, que poderá ser publicada nas vindeiras semanas. A actuación, que responde a unha solicitude municipal de colaboración, contará cun prazo de execución de oito meses.
As obras contidas neste proxecto darán servizo á poboación dos núcleos de Verín, Abedes, Vilela, Caldeliñas e Pazos (pertencentes ao concello de Verín) mais aos residentes en Vilaza, no concello de Monterrei. Ademais, conectarase a rede de saneamento do polígono industrial de Pazos. O proxecto prevé que para o ano horizonte 2038 a rede servirá a unha poboación equivalente superior a 18.3000 habitantes.
O núcleo de Verín atópase nunha zona moi cha, próxima ao río Támega. A rede de saneamento é practicamente unitaria na súa totalidade, e debido á pouca pendente que teñen os colectores e ramais da rede de saneamento e á súa disposición a través do núcleo de Verín, provoca que en época de choivas se produzan continuos desbordamentos e saídas de augas polos pozos de rexistro, sumidoiros e acometidas nos sotos de moitas das vivendas.
Para mellorar a situación, o proxecto prevé a construción dun tanque de tormentas cunha capacidade de 620 m3 nas inmediacións do núcleo de Queizás. Para o alivio das verteduras do tanque de tormentas instalarase unha tubaxe de PVC de 630 mm de diámetro, ata o punto de vertedura no río Támega. Reporase, así mesmo, un tramo da rede de saneamento afectado pola execución do colector de alivio, mediante a instalación dun colector de PVC de 250 mm soterrado e cos seus correspondentes pozos de rexistro en formigón.
Polo que respecta ao polígono de Pazos, as actuacións inclúen a retirada das bombas e cadro eléctrico existentes, ampliación da boca do pozo de entrada e a instalación dun novo colector de bombeo de 250 mm de diámetro. O caudal que se vai a bombear, é de 23,8 litros por segundo.