En memoria do veciño Manuel González “o Mazico”, cuxa declaración xurada arredor de cómo se organizaba nos anos 20 esta “sacada”, no concello de Ramirás, puxo en evidencia diante do Xurado de Montes de Ourense o seu carácter veciñal en man común.

 

A Comunidade de Montes A Sacada, que agrupa veciños dos núcleos de Fraguas, Vilaboa, Vilaflor, A Silva e Portas Abertas, no concello de Ramirás, organiza este sábado 24 de xaneiro un acto de homenaxe a toda a loita comuneira e en particular ao seu veciño Manuel González “o Mazico”, falecido o pasado agosto. Con este acto público queren destacar a declaración xurada que achegou González sobre como se organizaba nos anos 20 esta “sacada”, que puxo en evidencia diante do Xurado de Montes de Ourense o seu carácter veciñal en man común.

O acto terá lugar a partir das 11:30 horas, e comeza coa inauguración dun mirador cara o Val de Ramirás, cun letreiro a el adicado, no que se fai referencia aos tres picos que se divisan: o Cepo Negro, as Barrugas e a Vereda, o máis alto da Mancomunidade de Celanova.

Asemade, utilizarase unha doazón que tiña feito Manuel para plantar nunha parcela lindante co comunal, tamén doada por outra veciña, 17 castiñeiros, un por cada aldea da parroquia, apadriñados polas súas bisnetas e máis por rapazas e rapaces da contorna, co que se pretende achegar xente nova ao monte veciñal para darlle así continuidade.

Para rematar, servirase un aperitivo ao son da gaita, coa colaboración da Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir.

Loita comuneira
Coincide esta homenaxe apenas un par de días despois coa celebración do Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal, instituído o ano pasado no V Congreso Galego de Comunidades de Montes. Tal é o caso dos veciños da “sacada” de Fraguas, Vilaboa, Vilaflor, A Silva e Portas Abertas, no Concello de Ramirás, que en 2014 recuperaron a lexítima titularidade do seu monte, despois de tres anos de trámites e reivindicacións.

Unha “sacada” é unha parte separada do monte común, e dividida entre os veciños en parcelas de extensión variábel según o dereito de cada un. Se ben é unha expresión propia de municipios lucenses, tamén se dá Ramirás, nomeadamente na parroquia de Paizás, onde non existe un monte veciñal único, como é o habitual, senón que está dividido en diferentes “sacadas”, por grupos de aldeas.