CCOO afirma que a EPA indica que, no ultimo trimestre, “o paro na provincia, aumentou en 1100 desempregados máis e Ourense segue sen ofrecer ningún futuro ás persoas, especialmente á xuventude que segue tendo que emigrar”.
CCOO considera “terroríficos” os datos da EPA do cuarto trimestre e afirma que , no caso da provincia de Ourense, seguen amosando tendencia negativa no mercado laboral.
Ana I. Barrios, secretaria xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense manifesta que “o incremento da taxa de paro en Ourense lamentablemente volve darnos a razón nas advertencias que facíamos dende CCOO cando, mes tras mes, alertábamos de que os discursos triunfalista dos dirixentes do Partido Popular eran mera propaganda electoral, enganando a cidadanía ao afirmar que nesta provincia estabamos recuperándonos a unha velocidade superior á prevista; a EPA demostra todo o contrario”.
A responsable provincial de CCOO prosigue con rotundidade a súa crítica e afirma que “imos de mal en peor e, a realidade, por moito que a queiran agochar e maquillar, é a que é, e segue a ser moi dura para a poboación da provincia de Ourense” e lamenta e rexeita o triunfalismo institucional dicindo que “xa está ben de enganar a cidadanía con lemas publicitarios cando tantas e tantos ourensáns, dun xeito ou outro, seguen atravesando situacións verdadeiramente duras, situacións de auténtica ‘emerxencia social’”.
A portavoz de CCOO en Ourense remarca así mesmo que “a precariedade continúa aumentando considerablemente e alcanza xa un 24%, ao tempo que persiste e, mesmo avanza, a desprotección social, hoxe no 56,3%, mentres que hai un ano estaba no 60.3%, tendencias ambas que sitúan o mercado de traballo provincial nunha tesitura escasamente optimista. Ourense non ofrece ningún futuro as persoas, especialmente á xuventude que segue tendo que emigrar”.