A obra de Marco Foxo chegará proximamente a Bruxelas, Barcelona e Nova York.

 

No Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense tivo lugar a presentación do audiovisual alemán-galego sobre «Os Segredos da gaita», do que é autor o gaiteiro da Real Banda de Gaitas, Marco Foxo. O traballo, denominado Herausragende Werke des Buches Die Geheimnisse des Galicischen Dudelsacks. Obras destacadas do libro Os segredos da gaita, é unha obra didáctica que recolle, segundo explicou o músico, “as obras máis relevantes do libro “Os segredos da gaita”, as máis importantes melodías tradicionais galegas”, volume do que é autor Xosé Lois Foxo.

Marco Foxo explicou que este traballo audiovisual “é unha porta aberta ao mundo para amosar as excelencias da gaita”, e que a promoción que dende a Escola Provincial de Gaitas se lle está a dar ao noso instrumento máis singular e importante “fai que países como Xapón, Alemaña, Corea ou Rusia, entre outros, se interesen por todo o que supón o mundo da gaita”.

No acto de presentación, Marco Foxo estivo acompañado pola gaiteira da Real Banda Noelia Díaz, a quen agradeceu a súa colaboración na gravación das pezas musicais que figuran audiovisual, como tamén aos demais músicos que participaron no proxecto.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, dixo no acto que a excelencia da Escola de Gaitas e da Real Banda, xunto co traballo investigador de Xosé Lois Foxo e a calidade artística de Marco Foxo “fan que hoxe Ourense sexa coñecida no mundo como un referente no ámbito deste instrumento”, e Xosé Lois Foxo subliñou “a sensibilidade que amosa a Deputación de Ourense dándolle un pulo a todo o relacionado coa gaita, dende as publicacións, a promoción e a investigación dun instrumento que forma parte da nosa identidade”.