Terán lugar dous pases, venres e sábado, ás 20.30 horas.

 

O Auditorio Municipal será protagonista esta fin de semana da representación da obra «Pequenas Certezas», da compañía ourensá Sarabela Teatro. Trátase dunha historia de cruces, suspense e humor e terá dous pases: o venres e sábado ás 20.30 horas.

Estreando febreiro, o domingo día 1 hai a habitual cita coa programación infantil ás 12 h. Baixo o titulo «O Espello de Francisquiña», a compañía Danthea Teatro relata a historia dunha rapaza caprichosa e un chisco vaidosa, que quere inmortalizar a súa beleza – que só está na súa cabeza – e que lle pinten un retrato. Está dirixida a público infantil a partir de 6 anos.

Outras actividades da axenda cultural da concellería nos levan ao Liceo venres a partir das 20 horas, cun novo concerto da Banda Municipal. Ademais, este é o último fin de semana de proxeccións da película «A Esmorga». Os pases serán o xoves, venres e sábado ás 20.30 horas. As entradas poderanse adquirir desde dúas horas antes no mesmo Auditorio.

As entradas para as actuacións pódense adquirir en www.servinova.com ou desde dúas horas antes do comezo de cada espectáculo na billeteira do Auditorio.