O Consello da Xunta de Galicia autorizou a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Larouco para a execución de obras de mellora no saneamento e abastecemento no núcleo de Seadur.

 

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega máis de 430.000 euros para a execución destes traballos hidráulicos no citado concello ourensán, financiando a totalidade deste proxecto.

Actualmente o núcleo de Seadur abastécese unicamente da auga proveniente dun depósito regulador de 50 metros cúbicos que se atopa en mal estado. Co fin de solucionar este problema proxéctase a instalación dun novo depósito de 50 m3, situado a 200 metros do depósito actual. Deste punto partirán dúas tubaxes, a primeira en polietileno, cunha lonxitude de 196 metros, conectará o novo depósito coa tubaxe de entrada do depósito existente; a segunda será de distribución da auga a todo o núcleo, tanto nos eixos principais da rede como nos secundarios empregarase tubaxe de polietileno, cunha lonxitude total de 2.640 metros. Instalaranse tamén 12 válvulas de comporta e 15 bocas de rego-incendio.

A rede de saneamento actual tamén presenta diferentes carencias, polo que se renovará a rede mediante un total de 3.038 metros de tubaxe de PVC de 250 mm de diámetro e dividida en 18 treitos, que recollerá as augas do núcleo e conduciraas ata a estación depuradora de augas residuais. Proxéctase a mellora do sistema de depuración mediante a instalación de dous pozos filtrantes.

Na rede de pluviais só se mellorarán os tramos onde sexa necesario, proxectándose a substitución de 6 treitos, formados por tubaxe de PVC de 250 mm de diámetro e parede compacta. A lonxitude total da tubaxe é de 640 metros.