Os populares presentan unha moción a debate no pleno de febreiro do Concello de Ourense.
O grupo municipal do PP demandará na vindeira sesión plenaria a través dunha moción que o Concello de Ourense «destine un espazo para acometer as obras necesarias para poder habilitalo como lugar de estacionamento regulado de autocaravanas».
Na exposición de motivos, explican que «a autocaravana converteuse nunha das formas máis atractivas para percorrer o mundo e gozar dunhas vacacións diferentes. O parque de autocaravanas en Europa está en constante crecemento. Hai diferentes iniciativas de poboación pequenas, de moitos concellos, incluso de agricultores que pretenden atraer a estes viaxeiros aos seus lugares ofrecéndolles espazos para que podan aparcar estes vehículos. A independencia que proporcionan e a dispoñibilidade inmediata son os argumentos mais poderosos para utilizar unha autocaravana xa que permite iniciar unha viaxe sen reserva previa de aloxamento. Para aproveitar a autonomía dunha autocaravana só e necesario dispoñer de un lugar onde xestionar os residuos de forma ecolóxica».
O turismo español está cada ano beneficiándose máis deste tipo de turismo. O 75% dos usuarios das autocaravanas son persoas maiores de 50 anos, cun poder adquisitivo medio-alto. Practican un turismo co desexo por descubrir novas formas de cultura, paisaxes e patrimonio histórico dos lugares que visitan. É un turismo sostible. Ourense xa recibe desde fai tempo este tipo de turismo. Os lugares que habitualmente usan para estacionar son O Tinteiro e Outariz.
«Neste momento o Concello de Ourense non da ningún tipo de servizo a estes homes e mulleres que deciden visitarnos todos os días do ano. Non se preocupa pola súa seguridade, nin pola súa hixiene, nin por darlle a coñecer as nosas riquezas. A pesares de todo isto seguen vindo, e cada vez mais, atraídos sobre todo pola riqueza termal. Deberiamos habilitar un espazo, fora da zona de fluxo preferente para dar servizo a este crecente modo de facer turismo, mellorando así a imaxe que os nosos visitantes levan de Ourense», remata o texto.