O prazo de presentación de traballos remata o 16 de marzo e a dotación do premio será de 3.000 euros.
A Deputación de Ourense vén de convocar o premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2015, un galardón que a institución provincial concede anualmente ao mellor traballo xornalístico –escrito, gráfico ou audiovisual- publicado durante 2014 nun medio de comunicación galego, ou referido a Galicia. O premio foi instaurado pola Deputación de Ourense como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O galardón consistirá nun único premio e a dotación será de 3.000 euros.
Segundo as bases, poderán optar a este premio todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, en calquera das súas modalidades. As propostas para optar ao premio poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.
Os traballos ou conxuntos de traballos –escritos, gráficos ou audiovisuais- que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou deberán referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2014 e o día 31 de decembro do mesmo ano.
O xurado do premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense, ou persoa en quen delegue, e como vogais formarán parte do xurado: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE), un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz pero sen voto, será o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.
O prazo de recepción de propostas e presentación de traballos pecharase o día 16 de marzo de 2015, e o acto de entrega terá lugar o 3 de maio (Día Internacional da Liberdade de Prensa).
As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias da páxina ou páxinas en que foron difundidas, se son publicacións impresas. No caso de traballos dixitais, seis copias de capturas de pantalla ou seis copias do texto, nos dous casos con certificado do responsable do medio facendo constar a data de publicación. Se se trata de traballos audiovisuais, presentaranse seis copias en CD, DVD ou lapis dixital, segundo os casos. Se os traballos se publicaron sen se asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome ou nomes dos autores.
Os traballos remitiranse á Deputación de Ourense, rúa Progreso, 32, baixo o epígrafe de Premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2015.
A participación neste premio periodístico implica a aceptación das bases. Quedan excluídos de participar neste certame os funcionarios e o persoal laboral da Deputación de Ourense. Valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.