O PSdeG de Barbadás lamenta que o grupo de goberno do PP volva dar mostras dunha política de despilfarro ao organizar un concurso de drag queen.

 

O seu voceiro, Xosé Carlos Valcárcel, asegura que esta é unha mostra máis na cadea de dispendios “ós que nos teñen acostumados os gobernantes do PP». Valcárcel reprocha que nos últimos meses se “estea dilapidando diñeiro público para potenciar a figura da candidata do PP á alcaldía, Consuelo Vispo”. Segundo o líder socialista “este é un xeito deplorable de dar a coñecer á delfina de Freire Couto».

Para os socialistas o Entroido de Barbadás está perfectamente dignificado a través do desfile do martes de carnaval, unha cita ineludible á que acuden centos de persoas da comarca e incluso doutras provincias, polo que “facer experimentos co diñeiro da veciñanza constitúe unha falta de respecto”, sinala Valcárcel.

Para esta formación, este tipo de programacións festivas son innecesarias:“hai cidadáns que pasan fame e frío mentres Freire decide gastar en premios nesta gala drag queen 2.300 euros». Dende o Grupo Socialista recalcan que esta contía representa tan só o que se destina a premios e non se inclúe o custo global da organización dun evento innecesario. Son críticos ademais os socialistas co feito de tentar encorsetar o Entroido nun lugar pechado e pouco adecuado como é o pavillón de deportes.

Para Valcárcel “esta gala demostra que os gobernantes do PP de Barbadás viven no seu mundo de frivolidade e fantasía mentras aí fóra, tanto nos pobos coma na Valenzá hai persoas que teñen problemas”. Con este tipo de decisións estase dando “un pésimo exemplo do que debe ser un gobernante solidario coa veciñanza”.  Segundo o voceiro socialistal “gobernar non é programar actividades que poden resultar ofensivas para unha boa parte da cidadanía, senón saber afrontar cada momento con seriedade e austeridade”. O líder do PsdeG “os políticos somos os primeiros que temos que dar exemplo, sobre todo tendo en conta a ola de desafección que estamos a vivir entre a veciñanza”.

Para o desfile de 17 de febreiro xa se dedica unha contía importante destinada a premios, un total de 4.000 euros, distribuidos en 12 premios nas categorías de artíticos e enxebres. Manter esta tradición é máis ca suficiente para que o prestixio do Entroido de Barbadás estea asegurado en momentos de crise coma os que estamos vivindo, apunta Valcárcel.