A secretaria xeral da Igualdade incidiu na importancia do traballos dos concellos en prol da igualdade, e destacou a enorme relevancia da posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes dos concellos de Avión e Melón.
Susana López Abella asistiu, xunto aos alcaldes de Melón, Cristina Fernández, e de Avión, Antonio Montero, á presentación do Plan de Igualdade de Oportunidades 2015-2018 presentado por ambos concellos, no CIM de Avión, que reflexa o compromiso firme e decidido das dúas institucións por seguir camiñando na senda e que consolida a perspectiva de xénero e a prevención da violencia de xénero como eixos transversais de actuación en todas as políticas levadas a cabo dende os dous concellos.
A titular de Igualdade felicitou a ambos concellos polo traballo levado a cabo, comprometidos por acadar a igualdade real e efectiva entre os seus vecinos e veciñas, e que se reflicte neste Plan que ademais contou na súa elaboración cunha nutrida representación da veciñanza, asociacións, centros educativos, servizos de saúde, servizos sociais, persoal técnico e responsables políticos así coma outros axentes implicados no desenvolvemento da contorna.
O Plan de Igualdade de Oportunidades é unha ferramenta de traballo que posibilita materializar a vontade dos concellos de Avión e Melón no camiño da igualdade e reflexa unha proposta de actuación conxunta para a realidade concreta dos dous concellos, recollendo diferentes eixos de actuación en coherencia coa política municipal e as necesidades, intereses e problemas detectados na cidadanía.
Plan Igualdade Oportunidades
O Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres dos concellos de Avión e Melón consta de catro eixos de actuación, que engloban a sensibilización e promoción da Igualdade; a coeducación en Igualdade; o mercado laboral e usos de tempo e a Violencia de Xénero. Ten coma finalidade mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas de Avión e Melón, a través do impulso de políticas transversais e accións destinadas a trocar actitudes, comportamentos e valores que supoñen unha barreira para o logro da igualdade real das persoas.