O BNG pide á Xunta que garanta a continuidade dunha entidade que emprega a 70 persoas con discapacidade.

 

O Bloque reclamou á Xunta no Parlamento que adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade do centro especial de emprego Aspanas-Termal de Ourense no que traballan máis de 70 persoas con algún tipo de diversidade funcional de tipo intelectual, que fai que a súa integración laboral sexa posible só a través deste tipo de entidades.

A grave situación financeira deste centro pode abocalo ao peche definitivo e deixar a estas persoas na rúa, razón pola que o BNG pide a intervención inmediata da Consellería de Asuntos Sociais e Benestar Social.

“Sen teñen 300.000 euros para un videoclip de Enrique Iglesias tamén deben telos para salvar este centro especial de emprego de utilidade pública, evitando que entre en concurso de acredores e garantir que todas estas persoas conten cun lugar onde ir traballar cada día”, argumentou a portavoz parlamentaria de Benestar Social, Carme Adán, interpelando á conselleira Beatriz Mato no pleno da Cámara.

Adán criticou a falta de concreción por parte da conselleira, que se limitou a facer un relatorio das axudas concedidas pola Xunta ao centro do Ourense. “Non nos conte o que se fixo, conceder unhas axudas regradas por lei, senón o que vai facer para que Aspanas-Termal siga en activo, e non mo diga a min, dígallo as familias das 70 persoas que están protestando ás portas desta Cámara ou seguindo o debate”, demandou a deputada.