O obxecto é concienciar aos veciños sobre a problemática da xeración de residuos, capacitándoos para fabricar compost a escala doméstica.
Veciños de vinte concellos da provincia de Ourense participan na campaña de “Compostaxe doméstica” promovida pola Deputación de Ourense e Sogama. Logo de rematar a fase de formación dos participantes non concellos que teñen delegada na Deputación a xestión e tratamento dos residuos, véñense de completar as primeiras visitas de seguimento a un total de 298 composteiros, alcanzando o 98 % do total.
As localidades ás que se estendeu esta iniciativa son: Amoeiro, Baltar, Os Blancos, Boborás, A Bola, O Carballiño, Castrelo de Miño, A Gudiña, Lobeira, Lobios, Pobra de Trives, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, San Cibrao dás Viñas, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia.
A campaña ten por obxecto concienciar aos veciños dos distintos municipios sobre a problemática que representa a elevada xeración de residuos, capacitándoos para fabricar o seu propio compost a escala doméstica, o que lles permite pechar in situ o ciclo de reciclaxe dos restos orgánicos, converténdoos nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
As inspeccións realizadas nos fogares constataron nunha alta porcentaxe a correcta operativa dos recipientes, nos que os usuarios veñen depositando maioritariamente materia orgánica procedente de restos de cociña e, en menor medida, restos verdes de xardín. Por cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense ao redor de 25-30 quilos de compost.
Para levar a cabo este proceso, os usuarios participaron nun plan de formación con cursos específicos e a edición de material divulgativo de apoio, sendo os mestres composteiros (as persoas encargadas de coordinar o proxecto en cada localidade), as figuras clave no éxito da iniciativa. Desta forma, bandos municipais, webs, redes sociais e folletos foron utilizados para chegar á maior porcentaxe de poboación, instándoa a colaborar activamente no sistema.
As xornadas informativas consistiron na presentación da campaña a cargo de representantes da Deputación de Ourense, visionado do vídeo sobre autocompostaxe, producido po Sogama, explicacións por parte da asistencia técnica da campaña e entrega de manuais didácticos. No vindeiro mes de marzo comezará a segunda visita aos composteiros para facer un seguimento do programa e comprobar a evolución do proxecto.