Trátase de Medicina Interna e Neuroloxía. Ambas especialidades parten con Telemedicina, permitindo aos profesionais de atención primaria da bisbarra realizar sesións clínicas ou interconsultas cos especialistas de referencia.

 

Desde 2013 os pacientes da Limia acudiron a 7.210 consultas, e realizáronse 569 intervencións no Hospital de Verín para as que antes tiñan que desprazarse a Ourense, o éxito desta medida asistencial, que contou desde seu inicio, cunha alta receptividade e satisfacción por parte dos usuarios fai que agora se amplíe a dúas novas especialidades: Medicina Interna e Neuroloxía, que asemade contarán con Telemedicina desde todos os centros da comarca.

A medida posta en marcha en 2013, permitíu ofertar algunhas das especialidades con maior demanda asistencial como Endocrinoloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolaringoloxía, Traumatoloxía, Dermatoloxía e Cirurxía Xeral, ademais, o rexistro de actividade de Verín tamén constata un importante aumento de frecuentación dos pacientes da Limia noutras especialidades, como Xinecoloxía e Obstetricia, Rehabilitación e Oncoloxía.

Desta oferta asistencial, inicialmente excluíronse os concellos de Sandiás, Vilar de Santos e Vilar de Barrio, que agora se inclúen para facilitar a súa atención en Verín, como xa se viña producindo.

Mellorar a oferta asistencial
Segundo informaron desde a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, ademais de polos pacientes, esta medida foi recollida positivamente polos profesionais, que aumentan así seu ámbito de cobertura, posibilitando unha práctica clínica mais ampla e variada, á vez que garante o aproveitamento dos recursos dispoñibles neste hospital comarcal.

Aseguran os responsables sanitarios da provincia que as novas especialidades ofertadas contan con cadros de persoal ben dimensionados, e bo equilibrio de oferta asistencial e tempos de acceso á primeira consulta, e a súa citación realizarase directamente desde os distintos centros de saúde.

Esta medida non inclúe as consultas sucesivas ou de revisión que, como ata agora, para garantir a continuidade asistencial continuarán a ser unha decisión facultativa do especialista que pautase no seu día o seguimento ou realizase a primeira consulta.

As novas especialidades parten con Telemedicina, permitindo aos profesionais de atención primaria da bisbarra realizar sesións clínicas ou interconsultas cos profesionais de referencia destas especialidades, mellorando o seguimento e control do pacientes por ambos niveis asistenciais e evitando moitas veces traslados do paciente ao hospital.