Garante así a continuidade do servizo, cuxo contrato actual remata o vindeiro mes de abril.

 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de mantemento da rede pública sen fíos wifi da cidade de Ourense, a partir do vindeiro mes de abril, data na que remata o contrato de mantemento actual, que non é susceptible de prórroga.

Con esta nova adxudicación, o Concello garantirá a continuidade neste servizo, posto en marcha entre os anos 2008 e 2009, que permite a veciños e visitantes da cidade acceder gratuitamente para un uso básico de Internet, sen fíos, dende medio centro de espazos públicos da cidade e o perímetro rural.

O Concello de Ourense destinará a este contrato unha achega de 55.222 euros, repartidos en dúas anualidades: 41.416 euros para a de 2015 e 13.805 para 2016.

O servizo de mantemento garantirá o funcionamento correcto do servizo, a reparación das posibles avarías e asegurar que o software e o firmware dos equipos se atope actualizado. A empresa adxudicataria asumirá o mantemento de todos os elementos que constitúen e conforman a rede, formada polos nodos de acceso inalámbrico distribuídos polos parques da cidade e 14 parroquias, controlando toda a rede desde un centro do proceso de datos ubicado na Cuña. O servizo prestarase 24 horas durante os sete días da semana, cun servizo de atención telefónica de alomenos 8 horas diarias de luns a venres.

Máis de 30.000 sesións ao mes
A rede “Ourense wifi” ofrece conexión gratuíta a internet a unha velocidade de 510 Kbs, que permite consultas sinxelas como correo electrónico, visita de páxinas web ou a lectura da prensa diaria desde os diferentes puntos de conexión, que se estenden tanto no núcleo urbano coma no rural. Entre os máis habituais por parte de usuarios atópanse o Parque Barbaña, a rúa Lugo, a Avenida de Santiago, ou a Praza da Lexión.

No referido ao total das sesións, as cifras chegan ata máis de 30.000 sesións ao mes. O servizo conta xa con máis de 16.000 usuarios rexistrados desde a súa posta en funcionamento.