Bautizo do Cigarrón

Do 13 ao 15 de febreiro, Venres de Compadreo, Sábado de Entroido, Domingo Gordo e Luns Fareleiro na vila do Támega.

No Venres de Compadreo, como nos últimos anos, o Capuchón e a Mascarita serán os uniformes oficiais que portarán os asistentes á festa durante esta xornada. A partir das 19 horas terá lugar a saída dos Escuadróns de Capuchóns e Mascaritas para percorrer diversas rúas e prazas da vila (desde o barrio de San Lázaro), con paradas estratéxicas para mollar a gorxa e encher o bandullo. Irán acompañadas en todo momento de dous Carros do Compadreo e das charangas Garrafón.com e Támega, e finalizará o percorrido na praza de Edesio Fuentes, onde a música acompañará a tradicional degustación de porco ao espeto. Música nas prazas García Barbón e Maior, a partir das 23 horas, con Disco-Móvil Camelot e a continuación verbena popular co grupo Tequila.

O Sábado de Entroido, ás 17 horas, sairán desde a praza do Concello a confraría do Cigarrón cara a praza da Mercé pola rúa Laureano Peláez. Na propia praza da Mercé celebrarase o emblemático “Bautizo do Cigarrón”, un acto solemne e onde serán investidos, por primeira vez, varios cigarróns. A continuación, estes novos cigarróns investidos presidirán unha marcha cara a praza do Cigarrón, onde se lle realizará unha homenaxe aos cigarróns que por calquera motivo non poden saír e deleitarnos co son das chocas. Durante a homenaxe colocarase unha pañoleta na estatua do Cigarrón e unha ofrenda floral que reivindica o sentimento do cigarrón. A banda sonora será a cargo das charangas Fuego, Europa e Támega, que actuarán durante toda a xornada, Disco-Móvil Jorge e as actuacións da orquestra Claxxón e o grupo Triunfo.

O Domingo Gordo é o día grande do entroido en Verín. Pola mañá, unha descarga de foguetes despertará a todos os entroideiros, seguida da concentración de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns ás 12 horas no Barrio de San Roque para o gran Desfile de Entroido. A Banda de Gaitas do Concello de Verín e as charangas Támega, Ideal, Fuego e Solana serán os encargados de acompañar o desfile, percorrendo as rúas Luis Espada, Alameda e as prazas da Alameda e García Barbón. Na sesión vespertina e nocturna, continuará a animación musical polas rúas da vila a cargo de charangas e; nas prazas Maior e García Barbón, actuarán as orquestras Charleston Big-Band e Garibaldi.

O Luns Fareleiro haberá animación musical polas rúas de Verín a cargo da charanga Támega. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, xogos infantís e inchábeis no Pavillón dos Deportes, onde os máis pequenos, que serán os protagonistas, deben ir disfrazados. Seguindo a tradición, DÍA DA FARELADA, con quilogramos e quilogramos de fariña, e a Disco-Móvil Gramola nas prazas García Barbón e Maior, e desde as 18.30 horas, baile e verbena popular nas prazas García Barbón e Maior coa orquestras París de Noia e La Oca.