Esta exposición é froito do convenio de colaboración asinado entre o centro deportivo e a Asociación dos Amigos da Pita, que inclúe un programa de actividades que achegan o Entroido d’As Eiroás aos usuarios deste centro.
Nos últimos 12 anos, a Festa da Pita contou coa colaboración de diversos artistas ourensáns, que aportaron a súa visión particular da festa e da máscara no cartel que promocionaba cada ano o Entroido deste barrio ourensán.
Estes traballos conforman hoxe un abano heteroxéneo da iconografía do noso Entroido e unha mostra de interese artístico.
Os artistas e deseñadores que colaboraron coa festa desinteresadamente, aportando estas imaxes que hoxe xa se atopan no acervo de elementos identitarios do noso Entroido son Heitor Rial, Félix Caramés, Pepe Xoga, Paco Boluda, Manolo Penín, “Rober” Vázquez Araújo, Xosé Lois Vázquez “Che”, Jacobo Lorenzo Nespereira, Miguel Suárez, Iván Bendaña e Idoia de Luxán; a quenes seguimos estando enormemente agradecidos.
A mostra, que acolle Serviocio ata o 28 de febreiro, compleméntase coa exposición dunha máscara completa da Pita e con distintos elementos propios da festa e do traxe.
Inclúese esta mostra no marco dun convenio de colaboración asinado entre as dúas entidades (Amigas/os da Pita e este centro deportivo) que programou para estas datas, así mesmo, unha presentación da festa e un obradoiro de manualidades.