O 21 de febreiro celébrase en Monterrei o Campionato Galego de Campo a Través Escolar.
Preto de 400 escolares de toda a xeografía galega participarán nesta fase final autonómica onde están os mellores tralas disputas das fases zonais, sectoriais e provinciais. Dos escolares participantes, 77 son ourensáns.
Na presentación do campionato estivo o Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José R. Lete Lasa, quen salientou que este evento «medrou máis dun 27 por cento en participación, pasando de 15.737 escolares no período 2011-2012 aos 20.051 da tempada actual». Lete Lasa indicou que o campo a través “é unha das modalidades deportivas estrela do programa Xogade”.
Campionato Galego de Campo a Través
A final galega deste sábado no complexo deportivo de Monterrei inclúe probas para a alevíns, infantís e cadetes, nas categorías masculinas e femininas. Competirán os clubs e colexios clasificados nas fases provinciais celebradas en Galicia, pasando á final deste sábado, por cada provincia e categoría, os dous primeiros equipos e os oito primeiros atletas -se non forman parte dos equipos clasificados-. En total, espérase a participación de 381 deportistas, que competirán a nivel individual e por equipos.
O Campionato Galego de Campo a Través Escolar será clasificatorio para o Campionato de España Cadete que terá lugar en Guadalajara os días 28 e 29 de marzo. Formarán parte da selección galega os cadetes que na final deste sábado acaden os catro primeiros postos.