Obradoiro de emprego Bosques de Trevinca

Rogelio Martínez clausurou senllos obradoiros nos que un total de 40 desempregados dos concellos do Bolo, A Veiga, Viana do Bolo, Sarreaus, Vilar de Barrio, Trasmiras e Sandiás recibiron formación especializada en xardinería e albanelería.

O delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entregou este venres os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Bosques de Trevinca-Macizo Central” que agrupa aos concellos de A Veiga, O Bolo e Viana do Bolo, e «Alta Limia II» correspondente aos municipios de Vilar de Barrio, Trasmiras, Sarreaus e Sandiás.

En ambos casos, o alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado.

O delegado territorial destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

Recuperación de infraestruturas e zonas verdes

Durante os seis meses de duración do obradoiro «bosques de Trevinca-Macizo Central», os 14 alumnos que elixiron o módulo de xardinería e os 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. En Viana do Bolo acondicionaron os parques infantís das zonas de As Carrelas e O Ferradal, e doutras zonas verdes municipais, e recuperaron os espazos axardinados do campo de fútbol, da gardería e do colexio.

No municipio do Bolo levaronse a cabo labores de axardinamento con especies autóctonas na praza dos Navallos de Celavente e na praza de Valdanta, ademais da restauración dun edificio en Chao do Castro e da fachada da antiga escola de Valbuxán, e a ampliación dunha ponte. Por último, no concello da Veiga, o alumnado deste obradoiro de emprego traballou no lugar de O Coiñedo no axardinamento de espazos públicos e na recuperación de camiños tradicionais.

Pola súa banda, os participantes en «Alta Limia II» acondicionaron zonas verdes e fontes, amais de rehabilitar edificios dos catro concellos participantes.

13 obradoiros na provincia
Dende o mes de agosto e ata o presente mes de febreiro, desenvolvéronse na provincia de Ourense 13 obradoiros de emprego nos que se agruparon 40 concellos e beneficiando a un total de 339 persoas desempregadas: 263 alumnos e 79 persoas como persoal directivo, docente e administrativo. A Xunta destinou a estes programas preto de 2,3 millóns de euros.