Novo edificio xudicial

Está previsto que o traslado dos xulgados ás novas dependencias comece a primeiros de marzo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, foi o encargado de inaugurar este luns o novo edificio xudicial de Ourense, que vén solventar os problemas de espazo do actual Pazo de Xustiza. Acompañado do alcalde de Ourense, do vicepresidente da Xunta, da presidenta do Parlamento galego, do presidente da Deputación, do subdelegado do Goberno e de representantes das instancias xudiciais, Núñez Feijoo atendeu as explicacións dos autores do proxecto e percorreu as instalacións, que cobrarán vida a partir do vindeiro mes de marzo, cando comece o traslado dos xulgados.

{gallery}stories/novas/20150223_edificioxudicial{/gallery}

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, iniciou a rolda de discursos. Varela destacou como “acerto” que o Xulgado e Fiscalía de menores queden no actual Pazo de Xustiza separados do resto de xulgados “porque son xustizas diferentes”, así como que os xulgados de familia e de violencia de xénero conten con espazos propios. “A xustiza especializada demanda espazos especializados”, afirmou.

Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, resaltou que “invertir en justicia es necesario pero también es rentable social y económicamente”, recordando que “es una exigencia constitucional invertir en la tutela judicial efectiva”. Cadenas recordou que durante a etapa na que exerceu en Ourense “había un problema de espacio, y así hasta el día de hoy; (o novo edificio) garantiza el presente y el futuro en cuanto a sedes judiciales” na cidade.

Tamén interviu o vocal territorial do Consello Superior do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández, quen dixo da nova sede xudicial ourensá que se trata dun edificio “amplo, cómodo e moderno, sobrio e sen luxos, pensado para as necesidades a longo prazo”.

En canto ao alcalde da cidade, Agustín Fernández, subliñou que a nova sede xudicial de Ourense “non sería posible sen un proceso de expropiación dos terreos” que durou cinco anos e gabou o traballo da ex edil Áurea Soto ao fronte do departamento de Urbanismo que a levou a cabo.

E augurou “dinamismo social e crecemento” ao barrio do Couto, que está chamado a ser, segundo o rexedor, “un dos principais temóns desta cidade”. Agustín Fernández aproveitou para demandar á Confederación Hidrográfica que constrúa neste contorno a súa sede, na parcela que para tal fin xa expropiou tamén o Concello.

Recordou Fernández a necesidade de construir un párking na zona que dea servizo ao edificio xudicial e ao futuro centro de saúde do Couto e o proxecto de reurbanización da rúa Francisco Llorens que “está a piques de adxudicarse” e abrirá un novo acceso aos xulgados.

Tampouco se esqueceu o político socialista de pedirlle ao presidente da Xunta que a colaboración entre institucións que tivo “un resultado excelente no caso do edificio xudicial se estenda ao inacabado Centro de Interpretación dos Parques Naturais “que dá unha malísima imaxe” e que “nos bote unha man” na solicitude do 1,5% Cultural para a Praza de Abastos.

Colaboración entre administracións

Pola súa parte, o titular do Executivo galego, puxo o énfase na colaboración entre administracións que permitiu que o edificio xudicial sexa hoxe unha realidade. “Cando a Xunta e a Administración local traballan conxuntamente gañan, porque gañan as cidades e porque, sobre todo, gañan os cidadáns”, afirmou Alberto Núñez Feijoo. Así, salientou que a colaboración entre administracións está a permitir afrontar outras grandes infraestruturas, como a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ou o novo centro de saúde do Couto.

Núñez Feijoo tamén destacou que nos momentos máis aciagos da crise “fomos quen de tentar non renunciar á mellora dos servizos públicos durante esta profunda crise económica”. De feito, apuntou que nos últimos cinco anos a Xunta de Galicia “leva investido en edificios xudiciais máis que nos últimos 13 anos”, 50 millóns fronte a 41 millóns de euros. En concreto, recordou que en 18 concellos da provincia se ampliaron ou reformaron as súa ssedes xudiciais. Investimentos en melloras físicas e tecnolóxicas que continuarán co Plan Senda 2015-2020 co que se prevé implementar o expediente xudicial electrónico e a sede electrónica xudicial.

Traslado
Segundo confirmaba o presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña, o traslado dos xulgados, previsto para comezar o 1 de marzo, está supeditado á concesión da licenza de ocupación, que o Concello de Ourense ten previsto outorgar este xoves. O primeiro dos xulgados en estrear o novo espazo será o de Instancia nº1, e tras el, seguirán os demais segundo o calendario de traslados fixado.

Características
O novo edificio xudicial conta con 14.000 metros cadrados distribuídos en nove andares, e acollerá 24 xulgados, 16 salas de vista, e outros espazos para o Rexistro Civil, o Imelga, oficina de atención ao cidadán e á vítima, colexios profesionais ou o servizo de notificación de embagos, entre outros. Nel exercerán o seu traballo ao redor de 200 profesionais da xustiza e estímase que cada día pasen por estas dependencias máis de mil persoas.

Na construción do novo edificio xudicial de Ourense investíronse 18 millóns de euros.