Entregará un total de 80.000 euros.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras da convocatoria de concurso público para a concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2015, para o cal se destina unha contía de 80.000 euros.
O obxecto destas bases é a regulación da tramitación e concesión, por parte da Deputación de Ourense, de subvencións para o financiamento de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais promovidos por persoas físicas ou xurídicas, que se desenvolvan integramente na provincia de Ourense e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2015, mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva.
Quedan excluídas desta convocatoria as actuacións escénicas ou musicais, de carácter senlleiro, enmarcadas no Plan Tarazana e o financiamento de actividades culturais ou recreativas promovidas por concellos e entidades sen ánimo de lucro da provincia de Ourense e que se realicen durante o ano 2015.
A contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións é de 80.000 euros, e ningún beneficiario poderá obter, ao abeiro desta convocatoria, subvencións por importe superior a 20.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación de Ourense e o prazo de presentación finalizará o 28 de marzo de 2015. Para máis información, nos vindeiros días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras da convocatoria.