As obras contidas neste proxecto darán servizo á poboación de Verín, Abedes, Vilela, Caldeliñas, Pazos e Vilaza.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se licitan as obras de mellora na rede de saneamento de Verín e Polígono de Pazos. A Xunta, a través de Augas de Galicia, asumirá o 100% do orzamento previsto para esta actuación, que ascende a 838.796 euros e contará cun prazo de execución de 8 meses.
Os interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 26 de marzo para remitir a documentación, que será analizada por Augas de Galicia para determinar a adxudicación da obra neste primeiro semestre.
As obras contidas neste proxecto darán servizo á poboación dos núcleos de Verín, Abedes, Vilela, Caldeliñas e Pazos (pertencentes ao concello de Verín) mais aos residentes en Vilaza, no concello de Monterrei. Ademais, conectarase a rede de saneamento do polígono industrial de Pazos. O proxecto prevé que para o ano horizonte 2038 a rede servirá a unha poboación equivalente superior a 18.3000 habitantes.
O núcleo de Verín atópase nunha zona moi cha, próxima ao río Támega. A rede de saneamento é practicamente unitaria na súa totalidade, e debido á pouca pendente que teñen os colectores e ramais en época de choivas prodúcense continuos desbordamentos e saídas de augas.
Melloras
Para mellorar a situación, o proxecto prevé a construción dun tanque de tormentas cunha capacidade de 620 m3 nas inmediacións do núcleo de Queizás. Para o alivio das verteduras do tanque de tormentas instalarase unha tubaxe de PVC de 630 mm de diámetro, ata o punto de vertedura no río Támega. Reporase, así mesmo, un tramo da rede de saneamento afectado pola execución do colector de alivio, mediante a instalación dun colector de PVC de 250 mm soterrado e cos seus correspondentes pozos de rexistro en formigón.
Polo que respecta ao polígono de Pazos, as actuacións inclúen a retirada das bombas e cadro eléctrico existentes, ampliación da boca do pozo de entrada e a instalación dun novo colector de bombeo de 250 mm de diámetro. O caudal que se vai a bombear, segundo a memoria de cálculo, é de 23,8 litros por segundo.
Ademais, para a medición e control do bombeo de Vilaza procedente do concello de Monterrei, faise un desvío da rede de bombeo ata a parcela municipal, e nela constrúese unha arqueta para aloxar unha canle, para a medición do caudal de bombeo de augas residuais; unha vez medido, incorpórase á rede por gravidade mediante unha tubaxe de PVC de 400 mm.