As dúas entidades veñen de asinar varios convenios para regular a súa cooperación e colaboración para o o desenvolvemento científico, tecnolóxico, cultural e laboral da comarca.

 

Un deles, un convenio marco “que lle dá un paraugas máis amplo e abre horizontes á investigación, asesoramento´técnico, á cultura, á actividade deportiva… para envorcar o talento universitario á realidade social” como salientou o reitor, Salustiano Mato; outro, centrado nas accións arqueolóxicas desenvolvidas nas escavacións de Armea e un terceiro na mellora da actual xestión de residuos do municipio.

A través dun dos convenios de colaboración asinados, Universidade de Vigo e a de A Coruña colaborarán co Concello nun proxecto piloto de recollida de lixo con separación en orixe e “porta a porta” e na creación dun centro de experimentación ambiental para o ensaio da compostaxe destes residuos. Con esta iniciativa, Allariz pretende aproveitar o 80% dos desfeitos orgánicos que se xeran no municipio e “ter a posibilidade de que este compostaxe sexa utilizado como abono en moitos ámbitos públicos ou privados”.

Cunha duración de oito meses e un orzamento de 4.000 euros, este proxecto de colaboración estará liderado polo equipo da profesora Josefina Garrido, directora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. Os investigadores achegarán os seus coñecementos para pór en marcha unha experiencia pioneira en Galicia.

Idear o Plan Director para Armea

O patrimonio arqueolóxico, tanto na súa vertente investigadora como na de difusión cultural, social ou económica, é unha materia na que o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo levan anos colaborando: primeiro cos contratos de investigación para as intervencións arqueolóxicas no xacemento de Monte do Señoriño e no castro de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas; despois co convenio de cooperación educativa firmado en 2014 para regular o réxime de prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares para alumnos e alumnas da Universidade de Vigo en instalacións, actividades e proxectos do concello alaricano.

Cun novo convenio trátase de “regular esa colaboración”  e dar continuidade e estabilidade ás actuacións arqueolóxicas que se están a desenvolver. E un dos propósitos principais é coordinar e dirixir de forma centralizada todos os traballos e proxectos históricos, arqueolóxicos ou patrimoniais que se estean a realizar ou se poidan realizar na zona, elaborando e poñendo en marcha un Plan Director para o conxunto histórico e patrimonial de Armea. Ademais, desenvolveranse de forma conxunta proxectos de investigación nesta área e na súa contorna, dende prospeccións ou escavacións ata estudo de materiais, conservación, restauración, musealización ou mesmo divulgación.

Liderando estas actividades e proxectos estará o grupo de investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Facultade de Historia do campus ourensán, co profesor Fermín Pérez Losada como investigador principal. Divididas en campañas anuais, cun orzamento de 10.000 euros cada unha, organizaranse ademais actividades académicas relacionadas cos proxectos de investigación, como prácticas para estudantes da Universidade de Vigo nas escavacións, o apoio a investigadores en formación, a presentación de comunicacións en congresos ou simposios científicos, a organización de exposicións ou visitas guiadas e a impartición de charlas divulgativas. Tamén se fará unha asesoría directa doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer en Allariz.