A Consellería de Economía e Industri ten impulsado en A Arnoia nos últimos anos distintas actuacións no contexto da liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior.
Así, a través deste programa, o municipio ourensán está a obter un aforro enerxético anual de máis de 191.000 kWh/ano, o que se traduce nunha diminución do custo da factura eléctrica de 30.000 euros.
“A través deste programa contribuímos ao aforro enerxético da Arnoia nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces, que visitou, acompañado polo alcalde do municipio, José Camilo Fariñas Viso, as actuacións levadas a cabo no último ano na área recreativa da Queixeira, onde se substituíron 77 puntos de luz por outros máis eficientes.
A mellora destas luminarias, subliñou Bernardo Tahoces, súmase ás actuacións desenvolvidas no municipio nos anos 2011 e 2013, cun investimento total mobilizado de máis de 165.000 euros. “O conxunto destas actuacións supoñen, ademais do importante aforro económico, unha redución das emisións á atmosfera de preto de 125 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale á plantación de máis de 6.200 árbores”, apuntou o director xeral.
Neste contexto, e como apuntou o director xeral de Enerxía e Minas, a Xunta de Galicia leva destinados á provincia de Ourense 5,5 millóns de euros nos últimos 6 anos a través deste programa. Un investimento que ten permitido impulsar case 90 actuacións nos municipios da provincia que están a permitir aforros próximos ao 60% na factura eléctrica das zonas beneficiadas