Coa celebración da súa sexta edición, os días 27 e 28 de febreiro, as Xornadas de Patoloxía Respiratoria en Atención Primaria consolídanse como foro de referencia, a nivel autonómico e nacional, no intercambio de experiencias e actualización de coñecementos sobre diagnóstico e seguimento do paciente respiratorio desde atención primaria.

 

Estas especiais características multidisciplinares converten ás xornadas organizadas polo Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense en únicas a nivel galego, e referente a nivel nacional, onde só existe unha iniciativa similar en Cataluña.

Como principal novidade este ano, as Xornadas ampliarán súa oferta práctica coa celebración de dous obradoiros, para enfermería, así ademais do xa habitual de realización de espirometrías, realizarase por vez primeira outro destinado ao manexo dos dispositivos de inhalación de fármacos, vía habitual de administración dos tratamentos nas patoloxías respiratorias, e que esixen ao paciente un correcto uso para lograr plena efectividade, polo que a formación da enfermería é clave para trasladar aos pacientes esta práctica ou corrixir errores comúns.

O presidente do comité organizador e xefe de servizo de Neumoloxía do CHUO, Pedro Marcos, destaca que destes encontros xurdíu un valioso contacto directo cos profesionais de atención primaria de Ourense, que permitiron a posta en marcha de numerosas iniciativas conxuntas únicas a nivel do Sergas.

Único Servizo de Neumoloxía galego con Telemedicina
Entre elas o Dr. Marcos destaca a posta en marcha das consultas de Telemedicina, con mais de 290 consultas realizadas só en 2014, e que permiten aos especialistas de medicina familiar e comunitaria realizar unha interconsulta co Servizo de Neumoloxía sobre o diagnóstico, manexo ou tratamente dun paciente concreto, permitindo á coordinación entre ambos profesionais, na procura dunha mellor atención ao paciente, evitándolle moitas veces ter que ser derivado ao hospital ou súa atención precoz.

Ademais, Neumoloxía organiza, desde hai xa 10 anos, o curso de formación acreditada PROMEFER (Programa de Formación e Actualización en Neumoloxía para médicos de Atención Primaria), que permite afondar na formación e actualización sobre patoloxías como o Asma, a EPOC, o Cancro de Pulmón, as Infeccións Bronco-Pulmonares ou as probas diagnósticas básicas das patoloxías respiratorias. A este oferta docente engadense os que se organizan sobre técnicas de diagnóstico e tratamento e de urxencias de neumoloxía tamén para primaria.

O 30% da actividade asistencial de Primaria
Os contactos establecidos entre os especialistas de primaria e de neumoloxía de Ourense converten esta relación de coordinación en única a nivel Galicia, e nun nodo de proxectos conxuntos, especialmente orientado ao paciente crónico.

Segundo Pedro Marcos «Preto dun 30% da actividade asistencial dos facultativos de Atención Primaria dedícase a problemas respiratorios e, calcúlase, que entre un 60-75% dos pacientes que chegan ás consultas de neumoloxía, no caso dos hospitais galegos, proveñen de Atención Primaria. Este é un argumento de peso de cara a mellorar a comunicación entre ambos colectivos.

De feito, en Ourense desenvolveuse o primeiro Proceso Asistencial Integrado (PAE) de manexo da Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica, que está en plena implantación na provincia.

Na presentación das xornadas, a responsable da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Eloína Nuñez, destacou o importante papel do xefe de Servizo de Neumoloxía no desenvolvemento dos actuais canais de comunicación e coordinación establecida cos profesionais de Atención Primaria, así como o traballo de investigación que se desenvolve en 16 centros de saúde de Ourense sobre a EPOC, do mesmo xeito que os pasos dados na valoración de probas diagnósticas de enfermidades respiratorias do sono, mediante telemedicina.