Ás 12h na Sala José Ángel Valente do Banco de España o Comité Electoral da plataforma cidadá presentará nun acto público ás persoas candidatas no proceso e explicará aos presentes o cronograma previsto no Regulamento de Primarias.
En horario de tarde, a partir das 17 horas, Ourense en Común convoca a toda a cidadanía a construír o programa electoral. Nun acto no Centro Cívico da Cuña calquera persoa poderá achegar todas as demandas e propostas que
considere oportunas.
Ourense en común, o espazo de confluencia entre organizacións políticas e sociais, segue a traballar a todo ritmo para chegar ás eleccións municipais de maio «como unha alternativa sólida de goberno«. Nas anteriores semanas aprobouse o regulamento de primarias cidadás abertas e o proceso eleccións da candidatura está en marcha. O pasado fin de semana coñecíamos a lista de nomes aspirantes que participan no proceso e este sábado teremos oportunidade de poñer
rostro.
Unha vez decidida a fórmula xurídica de partido político instrumental a seguinte decisión estratéxica tomada pola asemblea desta organización foi a aprobación do Código Ético que deberá ser asumido polas persoas que asuman definitivamente a responsabilidade de representar a Ourense en Común no pleno municipal.
Con todas estas accións completadas ou en marcha, e co inicio de primarias que arrancará o próximo mércores 4 de marzo, a plataforma centra o seu interese na construción do programa electoral. Este confecciónase dun modo participativo combinando o coñecemento técnico coas demandas dos barrios. Ata o de agora Ourense en Común achegouse polos barrios de Seixalbo, A Cuña, Mariñamansa, A Carballeira, O Couto, San Francisco, Castro de Beiro e A Ponte. Asemade en paralelo
realizáronse ata o de agora mesas técnicas de Cultura, Benestar, Vivenda, Sustentabilidade, Lingua, Mobilidade, Urbanismo, Igualdade, Diversidade e Patrimonio.