Os socialistas presentan unha moción ao pleno de marzo para que o Concello de Barbadás xestione ante a Xunta a construción dunha segunda escola infantil no municipio.
Recollen o PSOE na súa moción que Barbadás é un referente «a nivel provincial e autonómico» no despegue demográfico, pero en canto a servizos, as dotacións son insuficientes e «os servizos na maioría das ocasións non atenden a totalidade da demanda».
Citan os socialistas que a lista de espera na gardería pública é «un impedimento máis á conciliación da vida familiar e laboral de pais e nais do concello». Anualmente quedan excluídos ao redor de 40 peticionarios, unha cifra que pon de manifesto a importante demanda que existe.
Ademais, o grupo municipal socialista reitera a escaseza dunha digna oferta lúdico-educativa para a franxa de idade entre 0 e 3 anos, e recorda que xa pedira a a posta en marcha de dotacións para a atención á infancia como un Punto de Atención á Infancia para a zona norte do concello (Sobrado, Bentraces, Loiro e Barbadás), suxerindo utilizar para este fin a antiga escola de Bentraces. Tamén solicitaran habilitar na Valenzá un Espazo Infantil.
Desta volta volven reclamar unha segunda gardería municipal para Barbadás «por múltiples razóns: porque é necesaria, porque o pide a veciñanza, porque as características da pirámide poboacional así o apuntan, porque somos un dos concellos onde máis nenos nacen de Galicia, porque é necesario facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, porque a lista de espera aboca a moitas familias a unha situación precaria para poder afrontar o coidado dos seus fillos».
Na mesma moción solicitan habilitar unha ludoteca «de carácter permanente que oferte aos cativos entre 0 e 12 anos actividades lúdicas e educativas».