O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a Catedral de San Martiño de Ourense, onde puido comprobar tanto o avance das obras actualmente en marcha como o estado das zonas sobre as que o seu departamento prevé novas intervencións.
En concreto as reixas da Capela Maior, a decoración románica da cabeceira, e o conxunto da instalación eléctrica do templo. Tal e como explicou, estas actuacións elevarán o investimento do Goberno galego neste templo – desde 2011- a máis de 1,8 millóns de euros, o que sitúa á Xunta de Galicia como a maior garante da conservación da Catedral de Ourense.
Román Rodríguez incidiu no importante avance que se ten levado a cabo nesta Catedral no último lustro baixo o impulso da Consellería de Cultura e Educación e que permitiu non só velar pola preservación do templo, senón poñer en valor a súa relevancia artística e mesmo recuperar espazos como a Capela de San Xoán – pechada ao público durante anos- ou o esplendor do Pórtico do Paraíso e do órgano.
O conselleiro de Cultura e Educación salientou o compromiso da Xunta de Galicia polo impulso do conxunto das cinco catedrais galegas como elementos do máximo valor patrimonial e polo de atracción de visitantes.
Na súa visita á Catedral o conselleiro estivo acompañado polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet; o vicedeán, José Antonio Gil Sousa; polo delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; polo alcalde da cidade, Agustín Fernández, e polo deputado e ex conselleiro de Cultura Xesús Vázquez Abad.
Obras previstas e en execución
Ao longo do seu percorrido polo templo o conselleiro puido comprobar a necesidade de conservación que presenta a decoración románica da cabeceira -composta fundamentalmente por canzorros románicos-, un dos elementos máis antigos deste templo, dun valor artístico e cultural, así como con máis atractivo para os visitantes. Así mesmo foi informado das deficiencias descubertas na instalación eléctrica durante a renovación das cubertas, que levaron á Consellería a asumir con carácter inmediato a súa renovación. Xunto a estas melloras executarase tamén a restauración das reixas da Capela Maior, unha obra de bronce ferro e madeira de Juan Bautista Celma (S. XVI).
No referido ás actuacións en execución, Román Rodríguez interesouse polo avance da recuperación da portada medieval e limpeza da fachada norte, unha intervención que inclúe tarefas de limpeza da superficie así como a reintegración das pezas que fora necesaria. Así mesmo, está en marcha a segunda fase dos traballos de restauración das cubertas da catedral, en concreto das que se atopan na zona da cabeceira da catedral, sobre as ábsidas da xirola e muros e estruturas contiguas, incluíndo a capela do Santo Cristo. O fin destas obras é mellorar a impermeabilización dos elementos de cobertura, limpeza e rexuntado de muros e petos lindantes, actuacións que se complementarían coa reparación de instalacións, carpinterías e outras pequenas reparacións nas cubertas na área da capela do Santo Cristo. Neste proxecto incluíuse tamén a reparación puntual das terrazas da torre sur, co obxecto de corrixir a entrada de auga que desde esta cuberta está a afectar ao paramento sur do espazo do nártex, sobre o que se atopa unha pintura mural rehabilitada.