O pleno da corporación provincial aprobou inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2015.
Pola súa banda, os concellos da provincia de Ourense achegarán un total de 1,6 millóns de euros para a co-financiación do Plan Provincial, que inclúe obras municipais, melloras na rede viaria da Deputación e a atención a concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta. En total o importe destinado no exercicio 2015 para o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e estradas (incluíndo o plan complementario) ascende a 13.821.224 euros.
En canto ao orzamento destinado á rede viaria provincial increméntase nun 42 % con respecto do ano 2014 e ascende a 3,5 millóns de euros. Tamén se incrementan os fondos que a Deputación de Ourense destina a cada concello no Plan de Cooperación 2015, correspondendo a cada un deles un total de 50.000 euros, relación na que tamén se inclúe a Entidade Local Menor de Berán. Como novidade figura unha asignación de 3.000 euros para cada concello en concepto de honorarios para a redacción de proxectos técnicos.
A corporación provincial aprobou tamén este venres os estatutos do Consorcio provincial de Ourense para o Servizo contra incendios e salvamento. As competencias da Deputación de Ourense neste consorcio serán a de prestar os servizos de prevención e extinción de incendios nos concellos onde non se preste este servizo, co engadido dos servizos de salvamento, e as de garantir a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios, por non resultaren obrigados ou por teren obtida a dispensa deles. En concreto, o consorcio asumiría esta competencia nos municipios de menos de 20.000 habitantes que non conten con servizos propios.
[Fotografía de Alberte Paz]