Sol Vázquez nunha xornada sobre comercio

A directora xeral de Comercio achegou aos comerciantes e artesáns ourensáns a nova convocatoria de axudas para impulsar a innovación e a calidade no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 11 de marzo.

 

Nunha xornada na que participou tamén o presidente da Federación Provincial de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez Villar, Vázquez Abeal salientou que os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente.

Isto permite, tal e como explicou a directora xeral de Comercio, complementar a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais. Tamén se apoia a posta en marcha de novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos, e como novidade este ano, inclúense axudas para actuacións de mellora da imaxe exterior e o acondicionamento dos establecementos comerciais.

O encontro contou coa participación da allaricense Sofía Rodríguez, da empresa The Cosmethics, e a artesá Anna Champeney, de Textiles Naturales. As dúas explicaron as súas experiencias apostando pola mellora continua dos seus negocios, a venda on line e o contacto cos seus clientes a través das redes sociais.

The Cosmethics é un negocio de cosmética natural e ecolóxica que ten unha importante parte da súa actividade no comercio electrónico. Anna Champeney, pola súa banda, é tecedora e deseñadora, residente na Teixeira, e combina a creación de pezas únicas e series limitadas de fulares e tecidos para interiores coa súa labor docente. O seu estudo é un exemplo de como unha microempresa situada no rural pode converterse nun negocio vangardista grazas á incorporación das TIC no seu traballo, tanto co programa de deseño textil en ordenador, como coa venda e promoción on line.