Presentación de Xantar 2015

A 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico convoca en Expourense entre o mércores 4 e o domingo 9 de marzo a 140 expositores.

O director de Expourense, Alejandro Rubín, o delegado da Xunta, Rogelio Martínez, a concelleira de Turismo de Ourense, Mónica Vázquez, o presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, e o representante do Clúster de Turismo de Galicia, Ovidio Fernández, presentaron este luns a edición 2015 de Xantar, que terá como eixos centrais a promoción de destinos gastronómicos baseados nunha cociña sostible e saudable e a organización das máis de 100 actividades profesionais orientadas a conseguir este obxectivo.

A 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico convocará no recinto feiral de Expourense entre o mércores e o domingo a 140 expositores que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie. Entre eles, 17 restaurantes que ofrecerán 25 menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión. Haberá ademais menús infantís e adaptados para celíacos ou alérxicos e tamén en versión vexetariana.

A presenza nesta edición de expositores e participantes de 10 países (España, Portugal, Costa Rica, México, A Arxentina, Francia, Perú, Cuba, Ecuador e Paraguai) vén consolidar a súa condición de «Feira Comercial Internacional», un selo outorgado pola Secretaría de Estado de Comercio, que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España e na única especializada en gastronomía.

Costa Rica
Costa Rica será o país invitado e participará para promocionarse como “destino gastronómico único, diferenciable, amigable e sostible”, tal e como explicara o seu o ministro de Turismo en FITUR. Este país estará presente en todas as accións previstas para esta 16ª edición de Xantar promocionando a súa gastronomía, turismo e produtos agroalimentarios. Contará cun restaurante propio dentro do salón que estará liderado polo prestixioso chef, Luís Guillermo Castro Pérez, natural deste país, e polo coordinador do Plan Nacional de gastronomía deste país, Alejandro Madrigal.

Restauración
A promoción da calidade da gastronomía ibérica a través de elaborados menús será outro dos obxectivos principais desta edición. Os 17 restaurantes desta edición proceden de Galicia, Castela e León e de tres rexións turísticas de Portugal, ademais de Costa Rica.

12 dos restaurantes presentes pertencen á nosa comunidade e entre todos eles potenciarán a dieta atlántica. Facendo un percorrido pola feira podemos comezar saboreando o marisco e o peixe do restaurante Ría de Pontevedra- Beluso, pasando tamén polo de Vila de Cruces para degustar o seu “Galo de Curral” e rematar tomando os doces típicos no de Ponteareas-Vila do Corpus. Adentrándonos xa na provincia de Ourense, destaca o menú “#saboresdeourense” que recolle aos pinchos gañadores dos distintos concursos gastronómicos organizados na cidade. Dentro desta provincia, tamén se pode elixir entre os menús ofrecidos por Terras do Avia, Parada de Sil, Allariz, Laza e Riós. Pola súa banda, o Inorde propón un menú baseado en produtos selectos producidos por COREN. A oferta galega complétase co restaurante do Concello de Lugo e co xestionado pola Asociación Galega de Turismo Rural, AGATUR que presenta dous menús do Ribeiro e da Ribeira Sacra.

Portugal volverá ser un dos protagonistas desta cita gastronómica e participa con tres restaurantes do Norte de centro do País: Vila Real, o Douro-Lamego e Dao-Lafoes. A restauración desta edición complétase con menú de Sanabria que representa a Castela e León como comunidade convidada.