Diariamente o punto central de citación atende a unha media de case 3.000 usuarios, aos que se lles facilitan citas para todo tipo de consultas e probas diagnósticas.
Co obxectivo de mellorar a accesibilidade e comodidade dos usuarios na obtención de cita para consulta e probas diagnósticas, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense estrea un novo sistema de xestión das quendas, totalmente informatizado, no punto de Citación para Consultas Externas, situado na planta baixa do Edificio Santa María Nai.
O novo sistema permite que os usuarios retiren, nun posto informático situado á entrada principal deste edificio, un boleto que recolle seu número de quenda, que posteriormente poderá visualizar en calquera das dúas pantallas situadas nas salas de espera do Punto de Citación, onde se lle indica a que posto, dos nove existentes, deberá acudir para ser atendido e obter a súa cita para consulta.
Para súa implantación o Servizo de Información e Sistemas do CHUO traballou conxuntamente co Servizo de Admisión e Documentación Clínica, e os usuarios contan co apoio da Unidade de Información para orientalos no seu funcionamento. O novo servizo complementa o xa existente, na área de consultas de todo o complexo, onde está instalado o sistema de xestión de quendas “Quenda Medic”.
Quenda Medic, é unha innovadora solución TIC para a xestión de quendas de atención de pacientes en consulta, que permite que o paciente “rexistre” a súa entrada na área de consultas, introducindo a súa tarxeta sanitaria nun dos “caixeiros” dispostos nas áreas de consultas. Con este sinxelo xesto, un aplicativo informático confirma a súa cita e emite un impreso coa súa quenda e número de sala onde será atendido, que será visible nunha das pantallas instaladas nas salas de espera, permitindo así a chamada de pacientes de xeito totalmente anónimo.
Ademais, mediante este proceso de rexistro, o sistema permite o seguimento dos pacientes por parte dos profesionais sanitarios, xa que o mesmo sistema informa da súa presenza na área de consultas ao persoal médico ou de enfermería que o atenderá. Esta información en tempo real evita a perda de tempo resultante das ausencias ou repetición das chamadas, pero tamén mellora o seguimento de pacientes nas consultas de alta resolución, permitindo saber, por exemplo, se xa están de volta trala realización dalgunha proba complementaria que deban realizar noutra área. Tamén permite a emisión de partes ou xustificantes de asistencia.
Os usuarios contan asemade co Punto de Citación situado no Centro de Especialidades, na rúa Concello, onde poden solicitar cita para a totalidade de probas ou consultas do CHUO, tanto das situadas neste centro como as do resto do complexo.
Mostra da dimensión do traballo asumido polo persoal de citación do CHUO hai que subliñar, que este atende unha media diaria de case 3.000 usuarios. Tan só nun mes a media de citas xestionadas supera as 76.000 citas para consultas e probas diagnósticas no CHUO, correspondendo o 16% delas, mais de 12.000, a citas xestionadas directamente desde o conxunto de Centros de Saúde da provincia, a través do Persoal de Servizos Xerais de Atención Primaria.