As persoas interesadas poderán inscribirse nas novas propostas formativas e de lecer desde este mércores na Concellería de Xuventude.
A Concellería de Xuventude pon en marcha unha nova edición do programa de cursos e obradoiros “Ourense Xove”, que se desenvolverá dende marzo ata maio, con novas propostas de actividades formativas e de lecer dirixidas á mocidade ourensá.
As persoas interesadas poderán inscribirse desde o mércores, 4 de marzo, ou solicitar máis información na Concellería de Xuventude, na Praza de San Martiño nº 2 baixo dereita, no teléfono 988 388154, correo electrónico xuventude@ourense.es. As prazas adxudicaranse por orde de entrada de solicitudes.
Os cursos están dirixidos prioritariamente a todos os mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, podendo participar maiores de 35 sempre e cando queden prazas vacantes.
Primeiros auxilios
Debido a súa gran demanda e aceptación, un ano máis, convócase o curso oficial e homologado de Primeiros auxilios, puntuable para oposición e necesario para determinados postos de traballo. Conta con 20 prazas, para maiores de 16 anos, e durará 40 horas, os sábados (mañá e tarde), dende o 10 de abril ata o 9 de maio, en Cruz Vermella Ourense. O prezo son 43 euros.
Linguaxe de signos para a atención ao público
De 24 horas, os luns e xoves, do 16 de marzo ao 23 de abril, de 17:30 a 19:30 horas. É gratuíto, ten 15 prazas e realizarase no local social do Centro da Agrupación Miño, na rúa Doutor Marañón nº 6 baixo.
Obradoiros de cociña
Fomentarán hábitos saudables na cociña, elaborando pratos sinxelos e económicos: “Tapas, Pinchos e Canapés” será os venres, de 20:00 a 22:00 horas, desde o 17 de abril ata o 22 de maio e “Cociña de Verán”, será os mércores e xoves, de 20:00 a 22:00 horas, dende o 14 ao 28 de maio. Ambos son gratuítos, ofertan 15 prazas e realizaranse nun local sito na praza Eirociño dos Cabaleiros.
Elaboración e cata de cervexa artesá
Os participantes elaborarán 20 litros de cervexa artesanal, traballando en todo o seu proceso. As catas realizaranse con diferentes cervexas de Ourense, Dama Alaricana, Santo Cristo, Keltius, Ancora…… Con 15 prazas, de balde, organizado por El club de la birra, na asociación de mulleres cervexeiras, R/Barreira nº 6, os sábados, 11 e o 18 de abril, pola tarde.
Ruta de primavera vitivinícola pola Ribeira Sacra
25 mozos e mozas maiores de 18 anos participarán o día 28 de marzo nunha visita a bodegas, xantar en restaurante de Sober, ruta guiada en tren turístico e en catamarán. A actividade é gratuíta.
Astronomía
Dando continuidade ao programa Eclípsate, que tivo unha gran aceptación e participación, prográmase unha observación do eclipse do 20 de marzo. O eclipse, de tipo híbrido, será visible dende a cidade de Ourense. Estará dirixido polo Observatorio “El mirón del cielo”, con 3 telescopios e unha carpa informativa que se instalará no Parque Barbaña (zona de canchas deportivas).
Idiomas: Inglés para viaxar»
Para maiores de 15 anos que teñan un coñecemento básico da lingua inglesa, será os martes e mércores do 17 de marzo ao 29 de abril, de 20:00 a 22:00h (cun total de 30 horas teóricas e 30 de conversación) pondo en práctica situacións habituais dunha viaxe (nun hotel, nun supermercado, nun museo, na oficina de turismo, unha ruta turística polo casco vello…), con 20 prazas, gratuíto, no centro de estudos Viñas, R/ Montemedo nº 3 baixo.