Actividades culturais, lúdicas e deportivas conforman o amplo programa desta edición, que conta cun día máis de celebración. Así, os festexos terán lugar os días 20, 21 e 22 de marzo.

 

Os días 20, 21 e 22 de marzo, Verín acollerá a celebración da tradicional Feira do Lázaro e a oitava edición do Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’. Este evento conta nesta edición cunha xornada máis, ao trasladarse o festivo do 19 de marzo ao venres, e o mesmo ademais da celebración en honra a San Lázaro, inclúe a realización de actividades culturais, lúdicas e deportivas en diversos espazos públicos da vila, co obxecto de converter esta festa nun acontecemento para todas os públicos.

O Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá durante as tres xornadas, de 10 a 14 e de 16 a 22 horas e con entrada gratuíta (o domingo o horario de peche será ás 21 horas), a realización da Feira do Lázaro, articulada en torno á artesanía e gastronomía. A mesma contará con participantes de Galicia, Norte de Portugal e doutras provincias españolas, que ofertarán artigos como aceites, mel, queixos, doces artesanais, produtos de fumeiro, xabóns artesanais, pintura ou bisutería, entre outros. Tamén no interior do pavillón se celebrará, por oitavo ano consecutivo o 21 de marzo (a partir das 10.15 horas), o concurso ‘Cigarrón de Verín’ que se divide en dúas categorías diferenciadas: alumnos de escolas de hostalería – profesionais da restauración, e afeccionados. O número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nun dos seguintes dous apartados: prato principal (con base de cabrito ou bacallau) e sobremesas. Ademais, no momento da presentación do prato, que será elaborado en directo, os concursantes deberán maridalos con viño de Monterrei.

Os premios que se outorgarán aos participantes son os seguintes: “Gran Cigarrón” -para os dous mellores pratos principais, cun premio de 400 euros para cada categoría- e “Cigarrón Doce” -na de sobremesas, cun premio de 200 euros tamén para cada categoría-.

Así mesmo, a DO Monterrei organiza durante venres e sábado unha cata dos viños desta denominación, na que poderán participar todas as persoas interesadas, e que será coordinada polo sumiller galego Nacho Costoya. E xa dentro do apartado lúdico, o Pavillón Municipal tamén acollerá unha ludoteca e obradoiros infantís; así como actuacións de música tradicional, e espectáculo de grupos de baile e acrosport.

Exaltación de Bacallau e Cabrito
Por outra banda, a Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei, en colaboración co Concello de Verín, co obxectivo de seguir promocionando os produtos tradicionais da comarca promove a sexta edición ‘Exaltación de Bacallau e Cabrito’, que consiste na realización de menús específicos, durante as dúas xornadas da Feira do Lázaro, que inclúen bacallau e cabrito, por un prezo que oscila entre os 12 e 22 euros nos seguintes restaurantes: O Augueiro, Lugano, O Castelo, O Candil, Aldea Rural A Cortiña, San Roque, Brasil, Gallego, O Souto das Candeas e Parador de Turismo de Verín.

Outras actividades
Ademais, a festa trasládase ás rúas da localidade coa realización das seguintes actividades: Torneo de Natación do Lázaro (21 de marzo, ás 10 horas, na Piscina Climatizada, e no que participarán por primeira vez seis equipos da provincia e do norte de Portugal), Torneo de Tenis do Lázaro (21 de marzo, ás 9 horas, no complexo deportivo de A Granxa, coa presenza de deportistas procedentes de diferentes puntos da xeografía ourensá), VI Torneo de Fútbol de Veteranos (21 de marzo ás 18 horas, no complexo deportivo de A Granxa), procesión de San Lázaro e misa na Igrexa Parroquial (22 de marzo, ás 11.30 horas) ou actuacións musicais nas prazas García Barbón e Maior durante as tres xornadas da festa.
Abrirá o programa musical a prestixiosa orquestra Olympus na noite do venres, que lle cederá a quenda na noite do sábado a D’Moda, e xa na a tarde do domingo a actuación de Ritmo Joven pechará as Festas do Lázaro do ano 2015. Ademais, na tarde do sábado, emitirase en directo desde Verín o programa ‘Aquí Galicia’ da TVG, que contará con entrevistas e actuacións musicais de grupos da comarca e do norte de Portugal.