Asociación Proxecto Benito Losada

A asociación Proxecto Benito Losada promove un recoñecemento para o que está considerado un dos dinamizadores culturais máis importantes que tivo Ourense.

 

A Asociación Proxecto Benito Losada presentaba este xoves no Rexistro Xeral do Concello de Ourense unha petición, avalada por 800 firmas, para que a institución local incoe un expediente de honra a Benito Losada.

Na mañá deste venres, membros da asociación que impulsa a memoria de Losada en compaña da súa viúva, Lourdes García, reuníanse no que fora o seu lugar de traballo durante décadas, a Casa da Xuventude, para dar a coñecer aos medios de comunicación os motivos que, ao seu xuízo, xustifican este recoñecemento.

Dunha banda, Manu Gallego, secretaria da asociación, explicaba que Losasa é merecente do expediente de honra “polo seu talante democrático” e “polo seu compromiso inquebrantable”.

Millán Brea, mozo autor da primeira tese sobre a Casa da Xuventude de Ourense, recordaba que o que foi o seu director desde 1978 ata o seu falecemento en 2011 , creou nela “un espazo de liberdade”, sendo precursor da educación social.

Xosé Lois Vázquez, que partillou con Losada durante anos a organización do Outono Fotográfico, lembrou que a Casa da Xuventude “non sería o que foi sen o perfil xestor de Benito Losada”, quen creou neste lugar dependente organizativamente da Xunta de Galicia “un modelo de xestión moi equiparable ás casas okupa”. A apertura da instalación en horario de tarde, a suma de recursos do público e do privado ou a continuidade dos programas ao longo do tempo foron algúns dos seus logros.

César Ansias, quen compartiu con Benito a Asociación cultural Alexandre Bóveda, considerouno como “un dos dinamizadores culturais máis importantes que tivo Ourense”, mentres que Lalo Gómez, que fora presidente da Casa de Xuventude na última etapa de Losada, afirmou que “lo echa de menos la vida cultural de la ciudad”. Gómez considera que a Casa de Xuventude de Ourense –actual Espazo Xoves- debería levar o nome do seu finado director.