Deputación de Ourense, Concello de Celanova e Fundación “Curros Enríquez” concordan en que o 17 de maio sexa unha xornada de loito e recoñecemento en Vilanova dos Infantes.
A XIV edición da romaría etnográfica “Raigame” converterase en xornada de homenaxe á figura de Adolfo Enríquez Méndez, o sacerdote de Vilanova dos Infantes asasinado a pasada semana, e tamén na honra da Virxe do Cristal, cuxa imaxe atópase en paradoiro descoñecido dende o momento de coñecerse este luctuoso suceso que conmocionou ao municipio de Celanova. Por este motivo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e o secretario da Fundación “Curros Enríquez”, Antonio Piñeiro, concordaron en que o vindeiro 17 de maio, día no que tradicionalmente se celebra “Raigame” como un encontro festivo da etnografía galega, “a xornada se afaste de todo carácter lúdico para que sexa un día de sentido homenaxe e respecto pola consternación que estamos a vivir a causa dos acontecementos ocorridos en Vilanova os Infantes”, explicou Manuel Baltar.
Neste senso, José Luis Ferro dixo que a decisión de transformar unha xornada de festa en xornada de loito e homenaxe a don Adolfo e á Virxe do Cristal “responde aos ánimos maioritarios do pobo de Vilanova, que tardará en repoñerse do golpe anímico que recibiu cando todos soubemos da tráxica morte de don Adolfo”. Ferro destacou que a partir deste ano o premio “Xan de Barros”, que todos os anos se entrega con motivo da romaría, pasará a denominarse premio “Adolfo Enríquez”.
Pola súa banda, Antonio Piñeiro solicitou “a máxima celeridade” por parte dos equipos de investigación e das instancias xudiciais “para esclarecer o execrable crime dun home que dedicou a súa vida á custodia da imaxe da Virxe e a facer o ben entre todos seus fregueses e as persoas máis desfavorecidas”, e reivindicou “o carácter supra-local da figuriña vítrea da Virxe do Cristal, elevándoa á categoría de símbolo identitario dun pobo, que transcende ao longo dos séculos máis aló da devoción relixiosa”.
No acto tamén estiveron presentes o sobriño de don Adolfo, José Manuel Enríquez; a coordinadora de “Raigame”, Mariló Fernández Senra, e os representantes veciñais de Vilanova dos Infantes.