A Unión Deportiva Ourense xoga este venres na Copa e o Ourense CF o fará o domingo en Liga. O convenio cita na clásula terceira que non se poden disputar dous encontros no estadio na mesma semana.
Tan so houbo que esperar a que coicidiran os dous equipos que disputan os seus partidos como locais no Couto para que nun apartado do convenio, a priori, non se cumpra. E é que nesta ponte do día do pai xogan tanto a UD Ourense coma o Ourense CF como locais. O primeiro deles faino o venres na Copa contra o Caldelao, mentres que o segundo o fará na xornada número 27 de liga fronte o Vilariño.
O directivo da UD, Damián Domínguez, explicaba en rolda de prensa que escribiron á Xunta de Galicia para solicitar o campo neste partido e advertir que o outro club tamén disputaba como local o partido desta xornada. Como aclaraba Domínguez «o convenio na súa cláusula terceira, primeiro punto, sinala que non se poden xogar dous encontros na mesma semana no Couto». Tamén quixo comentar que o secretario xeral do Deporte, José R. Lete Lasa deu a súa palabra «de que sería a UD Ourense a que xogaría no Couto nesa semana de coincidencia». Porén, como o propio presidente da entidade, Modesto manifestaba «todo parece indicar que o equipo de Oira -Ourense CF- vai xogar no Couto este domingo, polo que se incumprirá o convenio».
Falta de respecto
Desde a directiva da UD denunciaban o trato que lles brindou a subdelegada xeral do Deporte da Xunta de Galicia. Segundo Damián Domínguez, a subdirectora «díxome por teléfono: sempre estades a dar problemas, e que deixemos vivir ao outro club».
Outro dos directivos, o doutor Manuel Cabaleiro aseguraba que eran a eles a quen lle poñían todo tipo de problemas, ademais de faltarlles ao respecto; e aseveraba que se hai un prexudicado «esa é a UD, que traballa para saír adiante».
Cervexa UD Ourense
Por outra banda, o club vén de anunciar a cervexa da UD Ourense elaborada pola marca ourensá Áncora. Presentarase este venres (20 horas) na Cervexería Moucho. Trátase dunha cervexa tostada elaborada con produtos naturais. Na etiqueta da mesma está presente o escudo da UD xunto co lema «O sabor dun sentimento».
Esta primeira tirada ten unha produción de cinco barrís e máis de 500 botellas e poderase adquirir en distintos establecemento ademais de na tenda online do club.
Ao rematar o acto de presentación realizaranse sorteos de produtos Áncora e da UD Ourense.