Patrimonio municipal de Allariz

Máis de 20 edificacións singulares teñen colocada a placa distintiva da titularidade municipal na vila de Allariz.

 

Estes inmobles, propiedade do Concello de Allariz, son espazos singulares como a Fábrica dos Nogueiras na que está ubicado o Museo do Coiro, o muíño Acea da Costa, convertido en restaurante, a Pousada Torre Lombarda, a Casa do Boi, a Fábrica de Vilanova, a Casa Museo Vicente Risco, o Muiño do Burato, a Casa de Castro Oxea que alberga o Museo de Moda de Allariz ou o Centro Social o Portelo que na planta baixa acolle ao Museo Galego do Xoguete.

Outros edificios como A Paneira, na Praza Maior, ou o Museo Iconográfico Aser Seara e adquisicións recentes como o futuro Centro de Idade Media, no Castelo, ou propiedades nas marxes do Arnoia coma o muíño da Acearrica, forman un conxunto de espazos singulares de titularidade municipal que sumados aos inmobles adicados a ofrecer servizos públicos, como a Casa da Cultura, a Escola Infantil ou o Fogar dos Maiores, proporcionan, segundo explica o alcalde, Francisco García, “un valor histórico extraordinario que permite garantir para o futuro un legado arquitectónico considerable con especial atención nas edificacións etnográficas.”

O valor catastral destes inmobles ascende a máis de 1.500.000 euros. Un amplo patrimonio público municipal completado cos equipamentos situados nas marxes do Arnoia, con máis de 13 Ha, como o Camping, a Hípica, as Casas do Briñal, a Cidade Deportiva do Seixo, o Complexo de Vilanova, o Festival Internacional de Xardíns, o Parque de Ferradal, o Portovello, a Acearrica, o Iberolacto e o Rexo.

Tamén destaca, dentro do conxunto inmobiliario o solo industrial de Chorente, con máis de 40.000 metros cadrados urbanizados, ademais das naves municipais construídas para os servizos de obras e medio ambiente.